Montse Rivera: «Eu non entendería a miña vida sen Leilía, sen todo o que me aportou»

VICTORIA PEÑA / M. G. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A mestra de baile tradicional e pandeireteira participou na creación de grupos de música, teatro e baile

02 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A cultura ten distintas arestas. Hai quen destaca nalgunha área en particular, pero Montse Rivera especialízase en moitas: música, danza, teatro e docencia. Esta incesante traballadora da cultura é mestra de baile tradicional galego en recoñecidas agrupacións, participa en proxectos teatrais e fundou grupos musicais que transcenderon fronteiras. Pero como comezou a súa carreira artística? «Miña nai apuntoume ao grupo de baile do colexio. Eu non paraba quieta e dixo: ‘A esta nena hai que darlle cousas que facer para que nos deixe tranquilos'». Por máis de trinta anos realizou recollidas da tradición oral en moitos lugares da xeografía galega. «A persoa que dirixía o grupo de Cantigas e Agarimos era Anxo Sanmartín e facía recollidas. Algunha vez levábanos aos compoñentes do grupo. O núcleo eramos Amancio Plaza, Felicia Segade e Mercedes, Merchi, —coas que despois fariamos Leilía—, e máis eu. Digamos que o interese pola tradición para a metade das que formamos Leilía xurdiu en Cantigas e Agarimos».

Durante os 34 anos de traxectoria de Leilía, o principal obxectivo das súas seis compoñentes foi recuperar do esquecemento a tradición oral galega. «Cando penso en Leilía ten dúas vertentes. A persoal, na que eu non entendería a miña vida sen Leilía, sen todo o que me aportou, e que me fixo a persoa que son hoxe. E outra é o que fixo pola tradición oral deste país», confesa Montse Rivera. Unha das grandes achegas deste grupo de pandeireteiras, que recibiu este ano a Medalla Castelao, foi que, cando irromperon no panorama musical galego, o canto tradicional case non estaba presente nos escenarios, salvo excepcións. Logrou que outros grupos «miraran para dentro» e descubriran a riqueza cultural que ten Galicia. «Empezaron a xurdir un montón de propostas. Agora nos concertos hai moitísima xente bailando. Nun instituto preguntas cantos van a baile ou a pandeireta e moita xente levanta a man. Cando nós comezamos eramos os raritos do instituto. Para min Leilía foi o comezo desta revolución, e que hoxe en día a pandeireta e o canto tradicional estean recoñecidos, así como que o Día das Letras Galegas se lle vaia dedicar a todas estas mulleres que conservaron, mantiveron e transmitiron a nosa cultura tradicional. En parte, nós tivemos que ver nesa revolución», comenta orgullosa. 

En xaneiro deste ano, Leilía despediuse dos escenarios ao entender que xa cumpriran o seu ciclo. Montse confesa que esta decisión estaba tomada desde antes da pandemia. Xa o tiñan pensado facer para o trinta aniversario, pero, ao final, chegaron ata os 34 anos. Explica que foi una decisión moi meditada polo grupo: «Pensamos que Leilía xa fixo todo o que tiña que facer, e que todo ten un principio e un fin».

Pero o labor de Montse Rivera vai moito máis alá de Leilía. Fundou o grupo Pesdelán xunto a Mercedes Prieto, ofrecendo unha proposta innovadora. Actualmente presentan a Foliada Asalto, pensada para que o público goce da música e os bailes tradicionais, como a muiñeira e a xota, pero tamén doutros menos coñecidos, como o esparaván e o chotis.

Montse é unha abandeirada da tradición galega, que leva alá por onde vai. «Fixen obradoiros en centros galegos no exterior e dei clases nas escolas abertas. Non é só que aprendan a bailar ou a tocar a gaita, é máis que iso: é sentirse parte dunha cultura a través da música e do baile. Senten que así están máis preto de Galicia», explica sobre o seu labor como emisaria da cultura. Despois de coñecelos de primeira man, sostén que «os centros galegos do exterior fan unha labor importante. Foron os que mantiveron viva a chama da cultura de Galicia. Para min son un referente importante, un punto de cultura que hai que coidar».