A actividade interactiva chegará no mes de novembro e as entradas xa están á venda
13 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Días 8, 9 e 10 de novembro • Cidade da Cultura • Desde 3,24 euros • A mensaxe non será non tocar, senón a de tocar, camiñar e xogar cos obxectos artísticos. Esa é a proposta para a cativada que chegará ao Museo Gaiás do 8 ao 10 do vindeiro mes. Trátase de «Zapaburu», unha actividade que recala por primeira vez en Galicia, e na que se transforma un espazo a través da arte de xeito que nenos e nenas menores de seis anos poidan experimentar con todos os sentidos as distintas pezas que compoñen a instalación.
As entradas para participar nesta iniciativa xa están á venda a través da web de Ataquilla. O horario o día 8 será de 16 a 20 horas, mentres que na fin de semana amplíase tamén a pola mañá de 11 a 14.30 horas. Está previsto que a longo dos tres días, poidan gozar 720 nenos e nenas en quendas de vinte.
Este proxecto está desenvolvido por Gheada Estudio, das galegas Rut Briones e Raquel Durán, ambas afincadas en Bilbao. O conxunto está conformado por dúas propostas. A primeira, desañada pola ilustradora Ruth Juan e dirixida a nenos de entre cero e tres anos, está chea de animais nos que a cativada poderá introducirse, deitarse e incluso usar de andador.
A segunda instalación é obra de Raisa Álava e está dirixida á rapazada de entre 3 e 6 anos cunha estrutura modular composta por una fachada magnética elaborada con imáns e que actúa de lenzo para que a rapazada decore ao seu xeito. Ao introducirse nela atoparán unha cabana con xogos ópticos e ilustracións da artista. Desde a Consellería de Cultura resaltan que este proxecto cubriu o 100 % de reservas cando se fixo en Bilbao no Museo de Reproducciones.