Os Encontros do CCG para a Normalización Lingüística analizan o uso do galego nos actos funerarios
SANTIAGO
O programa inclúe un percorrido pola cidade
14 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • 9.45 horas • Sede do CCG • Dentro da súa programación anual, o Consello da Cultura Galega organiza os Encontros para a Normalización Lingüística, entendidos como «un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición». Baixo o lema «Vivir e perdurar na nosa lingua», e tendo en conta a perda de falantes do galego, a entidade invita a reflexionar sobre a importancia do idioma para os actos funerarios e tamén para os escritos das lápidas. O teólogo e escritor Manuel Regal Ledo arrincará a xornada co relatorio «Reflexión sobre a significación da lingua escollida para os actos funerarios: seguir presente ou desaparecer». Continuará o xornalista David Canto Veiga coa intervención «Panorámica do uso da lingua nos rituais funerarios. Porcentaxes xerais e identificación dos lugares de referencia positiva». Unha mesa coloquio rematará coa programación da mañá. Na quenda de tarde, haberá outro coloquio ao redor dos servizos funerarios e a lingua empregada neles, a súa demanda e os recursos das empresas para atendelas. A última mesa permitirá presentar unha selección de recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. A xornada rematará coa ruta pola cidade «As mil caras da morte compostelá» coordinada por Manuel Gago Mariño, director do portal do CCG culturagalega.gal.