Os debates sobre os libros finalistas no Premio de Novela Europea comezan en novembro
23 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.O Casino de Santiago pon en marcha unha nova iniciativa para impulsar a lectura na cidade. Trátase da campaña «O libro do mes» coa que pretende que a obra elixida «sexa un referente para todos os composteláns», apuntou o presidente da asociación cultural, Ubaldo Rueda. O primeiro libro protagonista será «Coa man esquerda», do autor Xabier Quiroga. Trátase dunha das finalistas da nova edición do Premio Novela Europea, tamén impulsado polo Casino. Precisamente, en novembro activan a campaña de lectura das cinco obras que optan ao galardón na décimo oitava edición.
Nesta ocasión participarán na campaña de lectura do galardón literario seis clubs de lectura dos centros socioculturais, un da biblioteca Ánxel Casal, ademais dos clubes Onas das Letras, De la Libreta e As Meigas.
Tamén haberá debates nos que poderá participar toda a cidadanía, que se celebrarán na Sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. O primeiro será o 25 de novembro e centrarase na novela de Xabier Quiroga. A seguinte cita xa será en xaneiro, o día 22, e estará centrada en «Las singularidades», de John Banville. O 19 de febreiro será a quenda de «Los reyes de la casa», de Delphine de Vigan; e o 26 de marzo, de «La nieta», de Bernhard Schlink. O peche será o 23 de abril con «Las despedidas», de Jacobo Bergareche. A partir de aí, do 24 de abril ao 7 de maio, abrirase o prazo de votación.
Na presentación, ademais de varios representantes do Casino, participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora de comunicación de El Corte Inglés, Fuencisla Cid; a responsable da biblioteca José Saramago, Guadalupe Rodríguez; o presidente de Comercio Punto Compostela, José Antonio Seijas; e a responsable dun club de lectura, Loli Sans.