A Universidade de Santiago lanza a Cátedra Castelao para difundir o seu legado, entender o presente e proxectar o futuro
SANTIAGO
A iniciativa arranca coa conmemoración dos 80 anos da publicación de Sempre en Galiza, que «é o testamento dunha xeración, pero que está vivo nos nosos días», segundo precisou o seu director, Henrique Monteagudo
05 nov 2024 . Actualizado a las 20:42 h.A Universidade de Santiago de Compostela (USC) saldou este martes unha débeda histórica. «Corríamos o risco de que se puidera dicir, como asegurou Vicente Risco, que éramos unha universidade asentada en Galicia, pero non unha universidade galega». Así o confesou o seu reitor, Antonio López, no acto de presentación da Cátedra Institucional Castelao, que nace «para encher unha fenda que tiñamos con unha das nosas figuras senlleiras. Tense ensinado moito del e seguirase facendo, pero isto conta con outra finalidade, que é facer que o que se estuda e xorde nas nosas aulas, chegue á sociedade».
A nova cátedra da USC —que conta co apoio económico da Xunta e do Parlamento de Galicia— súmase ás recentemente creadas para estudar, debater e difundir a obra e traxectoria de outras tres figuras fundamentais da cultura galega: Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero. «A vocación da cátedra non é rivalizar nin suplantar; senón difundir a obra de Castelao e ter un mellor coñecemento dela», apuntou o que é o seu director, Henrique Monteagudo, que recordou que neste 2024 se cumpren 80 anos da publicación de Sempre en Galiza, efeméride coa que arranca esta nova iniciativa: «Non sei se é a máis, pero é unha das obras máis significativas e representativas da nosa traxectoria cultural».
«A súa publicación, na que recolle traballos que foi sacando dende o 1934, concibiuna como un prólogo da fundación do Consello de Galiza, que foi unha especie de goberno galego no exilio. Quería colocarse a un nivel semellante aos gobernos catalán e vasco, que xa aprobaran os seus estatutos de autonomía. Castelao cría que era necesaria unha institución similar á deles para defender o autogoberno de Galiza. Para iso, reuniu esa ampla colección de ensaios que representan o pensamento del, da Xeración Nós, das Irmandades da Fala e o do Partido Galeguista. Ía dirixido a reclamar a identidade nacional de Galiza. Sempre en Galiza é o testamento dunha xeración, pero que está vivo nos nosos días», precisou Monteagudo.
A pesar de que a cátedra nace dentro da Facultade de Filoloxía de Santiago, o obxectivo é o de abordar a figura de Castelao dende unha mirada poliédrica, na que se valore o seu legado literario, artístico, plástico e político... «Buscaremos a colaboración de todos aqueles que poidan contribuír a coñecelo mellor e a difundir a súa obra, que nos representa como ningunha outra do século XX», afirmou Monteagudo. No acto tamén participou o decano de Filoloxía, Elías Feijó, que valorou a Castelao como unha persoa que «tivo unha vocación interminable de poder reflectir no país, no seu benestar, na súa vertebración. Esta é unha cátedra de futuro, non de pasado. Hai que facer unha revisión da súa obra, pero que nos debe conducir a entender mellor o presente e a ter propostas de futuro».
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, destacou o apoio da Xunta e do Parlamento de Galicia para dar vida ás cátedras Castelao, Rosalía, Otero Pedrayo e Carvalho Calero, pezas fundamentais que «apuntalan os alicerces da nosa cultura contemporánea». Preguntouse tamén «por que non o tiñamos pensado antes?», e considerou prioritario ter sempre «a estes referentes baixo estudo e facer destas cátedras un observatorio de cara o futuro», que valorou que farán que «brille a USC e Galicia enteira con elas».
De pechar o acto encargouse o reitor López, que insistiu na importancia da transferencia de coñecemento para que as investigacións e traballos teñan o seu eco na sociedade.
Logo da presentación, os presentes visitaron a exposición que xa se pode ver na facultade de Filoloxía, e que incide no paso de Castelao por Nova York e Bos Aires, así como da publicación e historia de Sempre en Galiza. Para o próximo ano, á cátedra tocaralle recordar o 75 aniversario da morte do prolífico rianxeiro, pero baixo unha filosofía clara: buscar na súa memoria e obra a maneira de seguir mirando cara ao o futuro.