FolkXove, a cultura tradicional para xóvenes a través de música e talleres

r. m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

O Centro Xove da Almáciga acollerá este sábado unha xornada de gran actividade a conta dos orzamentos participativos

20 nov 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Sábado, 23 • 11, 12.30 y 19.45 horas • Gratuíto • Centro Xove da Almáciga • O Centro Xove da Almáciga terá unha xornada de gran actividade este sábado a conta dos orzamentos participativos, a iniciativa pola que a concellería de Xuventude decidiu deixar ao criterio das mozas e mozos o destino de cen mil euros do gasto dispoñible este ano para esa área. Unha das propostas que saíron daquela consulta foi a organización de actividades relacionadas coa música e a cultura tradicional galega, e de aí xurdiu FolkXove, a xornada en torno a esa tradición que este sábado ofrecerá un taller de pandeireta (ás 11.00) e outro de baile tradicional (12.30), para os que se hai que inscribir a través do correo electrónico info@centroxove.com. Do primeiro encargarase Antón. Do segundo, Carme Iglesias.

Pero o prato forte desta iniciativa escolllida pola mocidade chegará pola tarde, cos concertos FolkXove programados a partires das 19.45. Subirán ao escenario do Centro Xove, cada un no seu tempo, o dúo de música folk Treba, con guitarra e pandeireta; o grupo Abril, integrado por Claudia Abril e Marina Carpente: e Irmaus da Raia Seca, un cuarteto formado polos irmáns Pascual e os irmáns Álvarez.

Os concertos serán de acceso libre e gratuítos, ata completar a capacidade da sala, segundo a concelleira de Xuventude, María Rozas (Compostela Aberta), quen onte presentou o programa co grupo Abril e con Antón. A concelleira destacou a combinación das actuacións de grupos locais coa parte máis didáctica e participativa, para que «as mozas e mozos se acheguen á nosa música tradicional e se animen a ser parte activa da preservación do noso patrimonio cultural».