A Requinta da Laxeira e a escola de música de Vedra celebran unidas as súas raíces cun concerto o día 14
SANTIAGO
Actuarán con entradas de balde no Auditorio Abanca de Santiago
08 dic 2024 . Actualizado a las 20:27 h.A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) ofrecerán un concerto conxunto para seiscentas persoas o vindeiro día 14 ás 19.30 horas no Auditorio Abanca, unha actuación que as dúas agrupacións querían ofrecer no ano 2020 pero que tiveron que adiar pola pandemia.No concerto participarán 67 músicos: os doce integrantes da Requinta da Laxeira, de idades comprendidas entre os 18 e os 45 anos; e os 55 músicos da EM de Santa Cruz de Ribadulla, de entre 8 e 16 anos de idade. A asistencia é de balde con invitación das dúas entidades. Tamén hai localidades reservadas ao público en xeral que se poden solicitar a través das redes sociais da Requinta da Laxeira e da escola de música.
Ofrecer este concerto supón para as dúas agrupacións musicais un acontecemento moi especial. Así o recoñece Fernando Rey, director da escola de música de Vedra, xa que será, segundo anuncia, «un verdadeiro regalo á tradición musical galega porque non so vai celebrar as nosas raíces culturais senón que tamén quere render homenaxe aos nosos antepasados, aos portadores da música tradicional que xeración tras xeración a foron transmitindo». A actuación suporá tamén «unha celebración de como a música popular, cando se coida e se adapta á modernidade con respecto, continúa viva e con graza», engade Rey, que destaca que o repertorio elixido «son temas que están moi arraigados na nosa cultura e van ser interpretados dun xeito totalmente innovador grazas aos arranxos que fixo Pablo Pascual».
Para a Requinta da Laxeira tamén é un concerto moi especial. Xerardo Albela, integrante do grupo, sinala que esta actuación «vén de completar o círculo. A Requinta da Laxeira leva o nome dun instrumento típico da Ulla e as agrupacións que o tocaban tomaban o repertorio en boa parte das bandas de música. E agora é A Requinta da Laxeira quen pasa ese repertorio á Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla». Este concerto supón para o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, unha oportunidade para destacar o labor «dos dous motores culturais do concello», polo que anunciou que «haberá que organizar un par de actuacións en Vedra».