Encarna Otero rescata a memoria de catorce novas mulleres de Compostela «para que non sexan esquecidas nin silenciadas»

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

No segundo volume do proxecto «Mulleres en Compostela» tamén recompila a historia de tres fábricas con maioría de persoal feminino

18 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

«A historia que non recoñece o que fixeron as mulleres non é historia», di Encarna Otero. E seguindo esa máxima continúa ao rescate daqueles nomes femininos que deixaron pegada en Santiago dándolle continuidade ao proxecto «Mulleres en Compostela». Se no libro que viu a luz no 2023 recuperaba a memoria de 19, agora rescata outras 14. Desta volta, ademais, pon o foco en fábricas da cidade na que o seu persoal era maioritariamente feminino. «O que pretendo é facer libros de memoria para que as mulleres que xa non están e que deixaron moitas pegadas en Compostela non sexan nin esquecidas nin silenciadas», detalla a historiadora, que onte presentou ese segundo volume de «Mulleres en Compostela» (Patito Editorial) acompañada pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e da directora da editorial, Gemma Sesar. 

Trátase de catorce «pioneiras» en distintos ámbitos, desde a radio ao comercio pasando pola docencia ou a medicina. Desta volta, Encarna Otero puxo o foco en Ruth Matilda Anderson, María Naveira Lago, María Gómez Romarís, Vicenta e Angelita Artime, Josefina Vilas Raña, Isabel Carou, Luz Fandiño, Pilar Pereira Carballo, Paz López Facal, Aurora Pereira Carballo, María Salvado López, María del Carmen Alvariño, Rosa Bassave Roibal e Lola Ferreiro Díaz. A autora resalta que nesta ocasión alguna das protagonistas coñeceunas e formaro parte da súa vida. «Aprendín moito delas e parecíame importante que quedara a súa memoria», di. 

O libro, que conta con ilustracións de Daniel Pagáns, comeza coa fotógrafa Ruth Matilda Anderson xa que no 2025 cúmprese un século da súa segunda viaxe a Santiago, da que tamén escribiu un diario, «que nunca se traduciu ao galego e tiña que estar xa», reivindica a historiadora. Xunto a ela inclúense pioneiras na radio como Isabel Carou e Pilar Pereira; no ámbito do comercio, como Aurora Pereira, e Ángela e Vicenta Artime «que tiñan unha tenda de elaboración de colchóns de la»; Paz López Facal, «mestra pioneira», así como María del Carmen Alvariño, profesora en Sar «pioneira en levar a historia das mulleres á súa aula»; Aurora Ferreiro, unha médica psiquiatra que traballou nos temas de saúde e da medicina para as mulleres; e María Gómez Romarís, «que se converteu nunha empresaria importantísima de Portela Seijo. Era mestra e o seu marido non a deixou ir á escola, pero acabou sendo a economista, administrativa e publicista da empresa». 

Neste traballo, Encarna Otero quere deixar constancia de como moitos dos espazos ligados a estas catorce protagonistas se perderon. «Por exemplo, moitos comercios desapareceron», apunta. Tamén recolle no volume a historia de fábricas nas que traballaron moitas mulleres nos anos 60, 70 e 80. Trátase da fábrica de camisas AGE, a de confección Geyfer e a de galletas Cuétara.

A portada deste novo libro recolle a Facultade de Matemáticas por estar ligado a Rosa Bassabe, que foi directora da súa biblioteca. Con esta elección queren facer énfase na importancia da Universidade para Santiago. «Non pode ser que a cidade expulse ao estudantado polo problema da vivenda», resalta Encarna Otero.