A biblioteca Ánxel Casal, en Santiago, ofrecerá contos diarios desde hoxe ao día 4

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

Tamén haberá durante varias xornadas obradoiros dirixidos ao público familiar

26 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

A biblioteca pública Ánxel Casal inicia hoxe unha programación especial, «Choiva de contos de Nadal», que incluirá espectáculos diarios ata o 4 de xaneiro a partir das 12 horas con entrada de balde. A esta iniciativa tamén se lle engaden obradoiros para os máis pequenos da familia.

Animar-T será a encargada de abrir esta programación especial con «O paxariño da miña xanela», unha proposta que fusiona música, monicreques e cancións que incidirán no importante que é a comunicación coa natureza e o medio ambiente. O venres é a quenda do ilusionismo con Magia en la manga e o seu espectáculo «Hoxe toca... maxia!». Para finalizar a semana, o 28 chegará Sole Felloza con «O Apalpador e outros contos» no que se aproximará a tradicións e rituais que hai en Galicia nesta época do ano.

O luns día 30 será a quenda dos bebés da man de Raquel Queizás. Nesta ocasión, haberá trinta entradas para a cativada de ata catro anos, que se empezarán a repartir desde media hora antes de que se inicie «O xogo de Nano». Xa coa chegada do Ano Novo, o día 2, será a quenda dos contacontos a cargo de Pontragha. Carme e María da Pontragha traen «Pan con chocolate» para rapazada de tres a oito anos. Ao día seguinte, actuará o narrador oral lalinense Celso Fernández Sanmartín coa «A vida que burbulla ao noso arredor», que pousa a mirada na natureza que nos rodea.

O peche a esta programación especial será o día 4 con Caxoto e «Un paxe real en apuros». Deste xeito, visitará a biblioteca un dos axudantes dos Reis Magos, que está un pouco alterado porque está pasando por unha das épocas máis complicadas do ano xa que nestes días non hai descanso: envolver agasallos, mirar quen se portou ben ou mal, ler todas as cartas, o atracón de traballo da noite de Reis… Por todo isto o paxe está ao borde do colapso quedándose durmido en calquera esquina e cos nervios a flor de pel.

Xunto á programación de contacontos, a biblioteca acollerá distintos obradoiros estes días. Esta tarde, ás 18.30 horas, haberá un de xoguetes reciclados e mañá outro de pins con plástico máxico. O día 30 terá lugar un de cerámica.

Ademais, ata o vindeiro día 8, a biblioteca Ánxel Casal cédelle o seu espazo a oenegué Manos Unidas para a exposición de todas as tarxetas que participaron no seu certame de Nadal.