A campaña «Modo galego, actívao!» da RAG e de Ames chega ao ciclo da ESO

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

CEDIDA

A terceira edición do programa incorpora a alumnado de primeiro e segundo da ESO

17 ene 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Que o galego sexa a lingua vehicular de moita máis xente nova de Ames é o obxectivo final do plan «Modo galego, actívao!», deseñado pola Real Academia Galega (RAG) mailo Concello amesán, que onte presentaron a terceira edición deste programa, que nesta convocatoria vai dirixido á mocidade.

En realidade, a nova proposta, pensada para o alumnado dos dous primeiros cursos da ESO, implicará a máis de 2.500 estudantes, xa que o traballo feito ata o de agora coa comunidade escolar de infantil e primaria ten continuidade e nesta ocasión desenvolverase ata o 14 de febreiro.

A experiencia, confirman a RAG e o Concello de Ames, «ten a finalidade de explorar novos xeitos de promover o galego entre a xente nova e avaliar os resultados dunha proposta que se concibe para ser replicable noutros municipios». «Falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares e na casa», engaden ambas institucións, é meta do plan, cunha nova convocatoria debullada nun acto no colexio A Maía de Bertamiráns, no que tamén participaron as asociacións de nais e pais, cun rol fundamental para incorporar o galego á vida cotiá dos seus fillos. No mesmo barco tamén está o profesorado e o persoal dos servizos complementarios.

O programa «Modo galego, actívao!» basease en reforzos positivos e premios polo uso do galego en todos os espazos. A implicación comeza coa firma dun acordo de compromiso lingüístico por parte do alumnado, que debe negociar recompensas acordes ao seu nivel de implicación nos retos marcados polo proxecto, que teñen unha semana de duración. E no caso do alumnado de infantil e primaria estas metas son diarias.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e Blas García, alcalde amesán, recoñeceron na presentación os bos resultados das edicións anteriores deste plan.