Lina, fadista portuguesa: «Cando vexo a persoas do público que se emocionan, que están chorando, para min é unha vitoria»

SANTIAGO

A artista portuguesa presentará esta noite no Auditorio de Galicia en Santiago o proxecto «Fado Camões»
01 feb 2025 . Actualizado a las 04:55 h.20.30 horas • Auditorio de Galicia • 14 euros • A fadista portuguesa Lina Rodrigues regresa a Santiago tras case cinco anos e faino co proxecto «Fado Camões», onde os versos do poeta universal converxen co fado. A voz de Lina estará arroupada polo sons de piano, sintetizadores, violín, percusión electrónica e guitarra portuguesa.
—Volve ao Auditorio onde estivo con Raül Refree no 2020 en plena pandemia...
—Si, desgraciadamente foi durante a pandemia. Naquel momento estaba esgotada a capacidade e tivemos que devolver as entradas porque saíron as leis que permitían só 60 persoas. Foi unha pena, un concerto bastante triste e moi emotivo porque cantabamos para tan poucas persoas cando podiamos ter o Auditorio completamente cheo.
—Iso fai máis especial este novo concerto?
—Exactamente. Adoro a cidade e síntome un pouco galega polo feito de ser de Braganza e de estar moi próxima a lingua. Tiña vontade de regresar a Santiago, esta vez con outro proxecto, con Camões e os fados tradicionais. Estou desexando que chegue o concerto.
—É un proxecto moi distinto, xa que pousa a ollada en Camões. Que a levou a traelo á actualidade coa súa música?
—Por ser un poeta renacentista, que revolucionou a súa propia lingua e que tamén escribía en galego-portugués. Ademais, as temáticas dos seus poemas teñen moitas semellanzas co fado e a linguaxe do fado: a dor, o sentimento de perda, da amada... Todas estas temáticas que Camões representou na súa forma de escribir tamén están presentes no fado. E non só por ese motivo, senón tamén polo feito de que Camões era o poeta preferido de Amália Rodrigues. Entón, tiven curiosidade por coñecer un pouco máis sobre a súa poesía.
—Entón, non foi moi complicado transformar en cancións eses versos de Camões?
—Por un lado, houbo algunhas dificultades. Por outro lado, foi algo intuitivo. As dificultades tiñan que ver coa métrica dos versos, coa dificultade que podía existir na percepción e na capacidade de interpretar cada poema, o seu contido... Despois, axudoume o feito de ter bastantes anos de coñecemento sobre os fados tradicionais.
—Ten moito que dicir Camões á sociedade actual a pesar de que pasaron cinco séculos?
—Hai moitas cousas que se poden absorber da súa escrita e que poden servir perfectamente para os días de hoxe. Por iso é importante traer a Camões para o futuro. Temos moitas cousas que aprender de el, da súa forma de escribir e do que escribiu nos seus poemas. Unha das cousas importantes ten que ver co que sentimos cando cantamos. Dígoo especialmente por min, polo que sinto cando canto a poesía de Camões.
—Antes de Camões, abordara a figura de Amália Rodrigues. Supón un reto maior enfrontarse a figuras portuguesas de referencia universal?
—Tanto Amália como Camões forman parte da nosa esencia como portugueses. Levaron a nosa lingua a onde nunca se oíra falar portugués. «Os Lusíadas» é a obra máis traducida a nivel mundial e nós temos sorte tamén porque Amália levara esta música tradicional nosa a todos os recunchos do mundo. Eu síntome feliz tamén por poder formar parte, de certa maneira, desta historia con tantos países onde cantei. A pesares de que a lingua non se coñeza, creo que o sentimento é universal. A música é universal, non ten fronteiras. O meu grande obxectivo é poder levar ese sentimento portugués que nos acaba por representar a todos. Iso para min é un gran triunfo.
—Neste disco ten a colaboración de Rodrigo Cuevas, entre outros. Con anterioridade estivo con Raül Refree. É importante para vostede buscar colaboracións tamén fóra das fronteiras de Portugal?
—Si, tamén con Justin Adams. Acábame achegando coñecementos a nivel musical, a nivel cultural doutros países. Acaba sendo un intercambio de coñecementos que nos enriquece. A min enriqueceume moito traballar con eles, porque me sinto máis confiada incluso na miña propia forma de ver a música. Non sinto medo para arriscar. O feito de traballar con esta xente doume unha visión diferente da música. Non me gusta estar pechada nun só estilo, gústame saír e coñecer outras formas de facer música e de sentir a música, que creo que é o máis importante: como sentimos a música, que nos fai sentir, como vibramos con determinadas cancións e con determinadas texturas. É importante porque persoas que non comprenden a lingua, si perciben os sentimentos. Moitas veces vexo a persoas do público que se emocionan, que están chorando porque senten as vibracións. Cando iso ocorre, para min é unha vitoria.
—O fado é unha música que transmite moito, foi esa a principal razón que a levou a abandonar a ópera?
—Penso que calquera música pode emocionar. Non só a fado, a ópera tamén é emocionante. Pero de certo xeito, o cambio ten que ver con aquilo que aprendín, co que medrei, xa que estaba habituada a escoitar a meu pai cantar fado. Despois, está todo ese sentimento do portugués, da saudade, do amor non correspondido...; a nós gústanos estar tristes e cando estamos tristes, gústanos oír música triste e quedar aínda máis tristes coa música que nos emociona e que nos fai chorar. Creo que o fado é unha música completa a pesar da súa sinxeleza. Precisamente, por esa simplicidade acaba meténdose dentro de nós e facendo que a emoción sexa tan alta. Por iso o fado é tan especial para min. Axúdame bastante e case unha terapia polo feito de ser tan simple e de ser tan intenso. Nós cantamos aos poetas, e a poesía é algo moi forte na nosa cultura. Temos uns grandes poetas.
—Aposta máis por interpretar a poetas que por escribir as súas letras.
—Si, non son moi de escribir. Escribín algunhas cousas e musiqueinas e canteinas. Pero a min gústame máis facer música a uns versos que xa existen, dun poeta que xa escribiu e me di algo. Pero, sinceramente, o que mais me gusta é cantar. Non teño necesariamente que ser escritora para sentirme realizada, gústame cantar.
—Gustaríalle traballar con algún artista galego?
—Tiven a oportunidade de estar con Abraham Cupeiro en Évora. Gústanme as Tanxugueiras. Pero non hai previstas colaboración.