Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Juan Blanco Valdés: «Autores de fóra da USC recorren á nosa editora polo prestixio que temos»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Destaca a avaliación por pares como unha das claves do recoñecemento

16 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Somos a editorial máis antiga de Galicia; estamos editando libros desde o século XVII», lembra Juan L. Blanco Valdés (A Estrada, 1960), director de Edicións USC, á vez que destaca a relevancia deste servizo para transferir a investigación universitaria á sociedade. Nos últimos tempos, lograron a renovación da certificación de calidade para o selo USC Editora. Un recoñecemento ao que lle hai que engadir o éxito de libros como El horizonte europeo, de Emilio Pérez Touriño, e El vuelo corto, de Ofelia Rey, así como a tradución ao inglés dun libro publicado na serie de ensaio polo catedrático catalán Enric Trillas.

—Cal é a clave para manter esta certificación xa por once anos?

—Manter un selo de calidade para un catálogo de case cincuenta títulos, cun sistema de certificación tan esixente como a ISO 9001, ten o seu mérito. A clave para conseguilo é un sistema de avaliación por pares moi rigoroso. O único sistema indiscutible absolutamente obxectivo de ponderar a calidade científica dunha edición académica é a avaliación por pares. A iso hai que engadirlle que temos un software que integra todo o proceso editorial na nube —OMP (Open Monograph Press)—. Logo intervén a captación de orixinais. Cando publican con nós un ex presidente da Xunta como Emilio Pérez Touriño ou unha catedrática de Historia Moderna moi prestixiosa como Ofelia Rey é porque —segundo entendo— temos logrado uns ítems de calidade e un prestixio —se se me permite a inmodestia— que conducen a que os autores confíen na nosa acción editorial. Un dos ítems que máis permite ponderar a calidade dunha editora universitaria é a demanda desde fóra da universidade. Iso xera unha certa contradición, porque pode resultar criticable destinar fondos universitarios a editar traballos de xente de fóra da USC, pero iso tamén é un xeito de loitar contra a endogamia da edición académica, de que só publicamos para os nosos autores para lles facer currículo. Isto cada vez é menos así e recórrese a nós para editar por parte de autores de fóra da USC en base ao prestixio académico que temos.

—Noutra ocasión, incidía en desbotar a idea de que universidade só publica «tostóns». Están os investigadores cada vez máis preocupados por divulgar?

É evidente que si. É este o aspecto no que máis evolucionou a edición universitaria en España. Isto significa o achegamento da investigación aos termos máis accesibles para o maior espectro de público. É certo que temos un ADN que se mantén inalterable en canto á alta investigación. Nese ámbito temos un portal dixital de 23 revistas de todos os eidos e unha colección de manuais universitarios dentro do selo USC Editora. Despois no ámbito da divulgación, non só contamos con coleccións, senón tamén con dúas bibliotecas. Hai empeño dos autores en ofrecer parte da súa investigación a intereses sociais xerais. Dicía un colega, Lluis Pastor, que as universidades editamos para cidadáns e cidadás críticos. Non só editamos textos científicos, como está no noso ADN, senón que tamén facemos divulgación. É dicir hai un magma de preocupación social, de axitación social e argumentación social desde as universidades. Eu creo que a tendencia á divulgación da investigación é a característica máis notable da edición académica durante os últimos anos.

—Alude á divulgación. No actual contexto de «fake news», bulos, con tanta confusión..., toma maior importancia esa divulgación que emana das universidades?

—Evidentemente. A universidade é unha garantía de veracidade e autenticidade. Agora que se xeran «fakes», bulos e edicións ficticias feitas a través de aplicación e a través de algoritmos..., a misión dunha edición académica rigorosa, contrastada e que ten o aval dunha universidade vai cobrar cada vez máis importancia. E non é só iso, tamén está a modulación correcta dos usos da intelixencia artificial desde as universidades. Non é a tecnoloxía, é o que facemos con ela.

«Crearemos a nova colección Históricos Dixitalizados»

Son moitos e variados os proxectos en marcha de Edicións USC. De xeito inminente sairá o libro Musealizar el arte del exilio gallego. Tamén está en revisión por pares a edición, tradución e edición crítica dunha saga islandesa do século XIII dun autor que era médico, político e probablemente o primeiro peregrino islandés. Non faltará tampouco un libro con motivo do Día das Letras Galegas. Ademais, desde a Reitoría e Igualdade impulsan o proxecto Pioneiras da USC, que comenzará por Luisa Cuesta Gutiérrez, primeira profesora universitaria de Galicia. Tamén crearán a nova colección Kátaba Estudos Medievais, que arrancará cunha tradución ao español dun libro do hispanista e medievalista británico Simon Dubleday. No eido dos manuais pronto sairá un de álxebra lineal e multilineal en galego.

—En que proxectos traballan?

—Temos tres que me gustaría executar durante este ano. Un deles está bastante adiantado, que é crear unha nova colección dixital, Históricos Dixitalizados, que recollería textos canónicos ou clásicos editados pola Universidade. Son textos absolutamente imposibles de encontrar que xa temos dixitalizados e que queremos implementar na nosa libraría dixital para ofrecer fontes de investigación e bibliográficas ás que doutro xeito sería imposible acceder. Outro dos proxectos que temos está relacionado coa nosa historia xa que estamos cumprindo 80 anos de edicións pois foi en 1945 cando se constituíu o Secretariado de Publicaciones y Extensión Universitaria, que é o xermolo do que hoxe é este servizo. Entón, o obxectivo é montar unha pequena exposición que se complementaría cun ciclo de conferencias, quizais de antigos directores, como Mercedes Brea ou Guillermo Rojo, ademais de con antigos vicerreitores ou reitores, como Darío Villanueva, que profesionalizou este servizo no 95.

—Cal sería o terceiro?

—Vai depender do financiamento. Trátase dun proxecto tecnolóxico moi vangardista, que sería a edición de monografías en formato .xml, formato fluido. A idea é que, ao igual que fixemos co portal dixital de revistas, que xa estamos editando en .xml e .html, ademais de en .pdm, facelo con libros. O proxecto chámase XML Bits. É un software xemelgo ao que temos para revistas.