Montse Villar, da Asociación de Veciños A Xuntanza: «San Pedro non vive do turismo, é un discurso errado, e Santiago tampouco»

SANTIAGO

«As vivendas turísticas gañan terreo, e isto muda o tecido social do barrio»
23 feb 2025 . Actualizado a las 22:08 h.Montse Vilar chegou á presidencia da Asociación de Veciños A Xuntanza de San Pedro case ao mesmo tempo que a pandemia mundial do covid-19 paralizaba o mundo. «Dixéronme, cando me propuxeron ser a presidenta, que tiña que estar no día a día, sacar adiante algúns programas, pero de repente chegou a pandemia e foron momentos duros. E logo a obra de Concheiros... Vaia, que non foi tan doado como o pintaron», recorda con certa sorna.
—Concheiros é un dos temas máis complicados desta etapa, pero cales son os temas que preocupan en San Pedro?
—Concheiros está moi mal. É evidente que a rúa está moi deteriorada. O deseño, finalmente, vese que non é o mellor. Non ten o uso residencial do que falaron. Teoricamente é unha rúa peonil, pero non ten unha definición clara; e por iso se poñen parches para tentar protexer á xente. Ía quitar tráfico parasito, pero non é así; e aínda por arriba increméntase a velocidade con respecto ao que había antes. Os que vivimos aquí, sabemos que non é unha rúa segura. O cruce aínda é peor. É un caos total.
—Qué está a pasar con outras rúas do entorno?
—O deterioro é aínda maior. A Costa do Veedor é un auténtico desastre. Se Concheiros está mal, invítovos a que vaiades por outras rúas do barrio.
—Cal é na súa opinión o tema prioritario para o barrio?
—Incluso por encima do arranxo das vías, a vivenda é un asunto prioritario. Estamos a vivir a expulsión dos veciños do barrio. Estanse a restar casas residenciais para converterse en vivendas de uso turístico, totalmente ilegais. Hai rúas nas que vivendas que estaban baleiras, pasan a ser para turistas. Casas nas que vivían persoas maiores que, polas circunstancias que sexan, marchan e pasan a ser VUT. Non hai unha ferramenta para facer fronte a iso. Cando as vivendas turísticas gañan terreo, a consecuencia é que muda o tecido social do barrio. Para nosoutras iso é fundamental, porque pérdense residentes. Expulsan aos veciños.
—Teñen constancia de casos nos que se bota aos residentes para alugar a turistas?
—Dentro da propia asociación temos tres socias que se acaban de mudar de barrio por isto. Non esquezamos que moitas casas rehabilitadas de San Pedro recibiron cartos do Consorcio, penso que non debería ser así. Debería ser para uso residencial, debería reforzarse a poboación do barrio. Ás dificultades para chegar ás rendas, únense tamén as barreiras de accesibilidade. San Pedro está envellecido, e pouco se fai para pór fin as barreiras.
—O tecido comercial resiste en San Pedro?
—Despois da obra de Concheiros houbo peches, pero agora o comercio do barrio mantense. As asociacións de comerciantes notan cambios no modelo comercial, polos cambios no tipo de poboación. Aínda así penso que conservamos comercio de proximidade: carnicería, pequenos supermercados, panadería. Os que máis notan o cambio son os de hostalaría. Cando foi a pandemia, o comercio de proximidade resistiu.
—Estamos en temporada baixa, non hai problemas de convivencia entre turistas e veciños?
—Os conflitos son nos meses fortes do turismo. Agora hai un goteo constante, pero non molesto. Ata Semana Santa non hai entrada de grupos numerosos. O de agora é un perfil diferente, son persoas de mediana idade, xubilados, europeos. En calquera caso, non é unha cuestión de posicionarse a favor o en contra. Todos facemos turismo, pero non é un sector prioritario. Compostela ten máis sectores.
—Os que critican as queixas de San Pedro, soen lembrarlles que Santiago é unha cidade turística?
—San Pedro non vive do turismo. É un error do discurso. Persoalmente penso que Compostela tampouco vive do turismo. É un sector relevante da cidade, pero aquí hai universidade, somos capital cultural, temos un sector cultural importante. Cando din que Santiago sen turismo non sobrevive, iso non é certo. Que relato queremos de Santiago? É un sector importante, pero non é o único. A proba estivo durante a pandemia, San Pedro sobreviviu e Santiago tamén.
«Non temos a participación que pensamos con este goberno»
—Como son as relacións entre a asociación de veciños e o goberno local?
—Como asociación, como A Xuntanza e como parte do movemento asociativo estamos a percibir falta de participación. Non temos a participación que pensamos que poderiamos ter con este goberno. Temos moitas dificultades para falar con eles. Entendo que son un goberno en minoría, e que os concelleiros teñen moitos departamentos, pero o certo é que é necesaria unha participación activa do movemento social, do movemento veciñal. Somos un colectivo sólido na cidade; e neste momento, a verdade é que non se lle dá demasiada voz. Por exemplo, A Xuntanza non foi convidada a participar na mesa de vivenda. Acudiu o presidente da asociación Fonseca, porque se queixou, e entón chamárono para que fora. Isto é a realidade. Cando está todo decidido, chaman. Costa moito manter reunións, costa moito que nos atendan. Tiñamos unhas expectativas que non se cumpriron. Acaban de reactivar o Consello de Relacións Veciñais, pero hai que convocalo, non?
—Vou facer de avogado do demo, ás veces non se sabe a quen representan as asociacións.
—Somos máis ou menos as mesmas dende hai moitos anos. En calquera caso, o mellor é dar participación.
—Non podemos terminar a entrevista sen falar transporte e mobilidade. Teñen noticias dos cambios previstos?
—O anterior concelleiro, Gonzalo Muíños, díxonos que dentro do plan de mobilidade da cidade había un específico para San Pedro. Agora están valorando o plan de mobilidade. O problema é que cada goberno fai un plan, en catro anos non hai tempo de facelo, aprobalo, implementalo e ver os resultados. En transporte, todo depende do novo contrato. E poden facer cambios para o bus do aeroporto, pero non poden facer cambios e favorecer aos veciños.
—Hai queixas veciñais pola recollida do lixo no barrio, que pasa?
—É un desastre. Refírome ao papel, plástico e aos restos. Non se recolle coa frecuencia que debería, e cando nos queixamos, din que non é certo, pero están os contedores para velo. Os subterráneos chegaron a dicir que se puxeron para que non funcionaran. Fas o traballo de separar na casa, pero logo non hai contedores.