Nace Fervenza, un novo sindicato estudantil para loitar contra «un lustro de desmobilización»
SANTIAGO

«Non imos aceptar seguir sendo expulsadas das cidades nas que estudamos para dar paso a pisos turísticos que multiplican os prezos», apuntan
12 mar 2025 . Actualizado a las 20:36 h.Santiago acolleu, o pasado domingo 9, a asemblea na que se oficializou a creación do novo sindicato de estudantes Fervenza. Fíxoo coa presenza de preto dun centenar de mozos galegos, que apostaron pola nova organización como «medio para recompor o tecido roto do movemento estudantil do noso país, para reconstruír esa forza común que poida devolverlle ao noso estudantado a capacidade de decidir, de loitar e de transformar as súas condicións de vida e estudo».
Os promotores consideran que parten dun lustro de desmobilización e fragmentación, polo que cren importante loitar contra as subas constantes dos alugueiros, a privatización dos espazos e servizos públicos, a inexistencia de apoio psicolóxico, a imposición de prácticas non remuneradas e a invisibilización de titulacións e facultades enteiras: «Non imos aceptar seguir sendo expulsadas das cidades nas que estudamos para dar paso a pisos turísticos que multiplican os prezos».
A primeira acción do sindicato será a convocatoria dunha folga estudantil pola vivenda, de aí que conviden «a todas as organizacións e asembleas estudantís de Galiza a reunirse connosco antes do xoves 13 de marzo». «Paga a pena loitar por un mundo mellor, por un ensino democrático, científico, gratuíto e en galego, por unha condicións de vida dignas», apuntaron dende Fervenza.