
Outra das protagonistas da xornada será a directora letoa Laila Pakalmina
13 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Dous son os grandes protagonistas da segunda xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Por unha parte, a realizadora letoa Laila Pakalnina, que achegará a súa mirada humorística, e, por outra, a preestrea en Galicia do documental «Salvaxe, salvaxe», a primeira longametraxe do guionista e director Emilio Fonseca, que chegará ás salas de cine o vindeiro día 21.
Este premiado documental que se interna nos montes galegos e do Norte de Portugal para rastrexar imaxes e ausencias do lobo ibérico, busca cuestionar a relación entre humanos e non humanos. «É un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear», destacan desde Walkie Talkie Films, produtora fundada por Fonseca. O director di que con este documental quixo facer unha película «para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida». O filme proxectarase hoxe, ás 20.30 horas, no Teatro Principal. O programa tamén inclúe unha conversa co director, pero será o sábado 15.
Por outra banda, nunha edición na que o humor é un dos eixos vertebradores, a sección «Impropias» ten como convidada á cinesta letoa Lila Pakalnina, unha das principais referentes do seu país. Hoxe está programada a primeira das sesións ás 18 horas en Numax. Proxéctanse os seus traballos «On Rubik's Road» e «Snow Crazy». O ciclo dedicado á letoa continuará mañá, onde ao visionado dos filmes se lle unirá unha conversa entre a cineasta e o director galego Eloy Domínguez Serén. A terceira e última sesión celebrarase o sábado.
Esta combinación da mirada etnográfica co humor tamén estará presente na segunda sesión de «Trazas» en colaboración co Cineclube. Incluirá hoxe a proxección de «Un dessert pour Constance», da francesa Sarah Maldoror, unha comedia costumista sobre a vida dun grupo de inmigrantes africanos en París. (19 horas, Principal).
Por outra banda, no marco da sección oficial proxectaranse no Museo do Pobo «Kongo», de Daiana Araujo, e «Cuerpos en tránsito», de Mario Moreno Iglesias (18.30 horas); así como «Silence of Reason», de Kumjana Novakova (19.30 horas). Ademais, ás 16.30 horas, haberá unha conversa con Pepe Coira sobre «O carro e o home», filme protagonista da sesión inaugural onte da MiCE.