
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) inaugura hoxe a sección oficial a concurso dedicada ao cinema galego coa estrea de «Resonancias», da cineasta e investigadora Diana Gonçalves, ás 20.30 horas no Teatro Principal. Esta peza parte da cuestión de que hai que facer para que un lugar non resulte estraño nin diferente. Con ese obxectivo, achégase a San Sadurniño buscando elementos familiares. Seguidamente, ás 21.30 horas, proxectarase outro dos catro filmes galegos a concurso: «Aurora». Este documental de Area Erina foi rodado durante máis de dez anos.
Os outros dous filmes con selo galego que participan na sección competitiva poderán verse o sábado a partir das 20.30 horas no Principal. Trátase de «Memoria de Soutelo», de Xoán Bregua, no que se aborda o retrato fotográfico feito por Virxilo Viéitez a mediados do século XX; e «Corre o vento», de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, que conduce ata a Vila do Courel.
Por outra banda, esta tarde, ás 16.30 horas, na ala sur do Museo do Pobo, haberá unha mesa redonda para afondar na etnografía realizada por novas cineastas e con perspectiva de xénero. Participarán Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, Mirian Opazo e Laura Piñeiro. Pola súa parte, volve a letoa Laila Pakalnina a «Impropias». Ás 18 horas, en Numax, proxéctase un dos seus filmes e a cineasta conversará con Eloy Domínguez Serén.
Onte, a cita, acolleu a preestrea de «Salvaxe, salvaxe», o filme de Emilio Fonseca, que recibiu numerosos premios e chegará ás salas de cine o vindeiro día 21.