Montedapena, proxecto en solitario de Héctor Rodríguez: «As cancións con máis carga sentimental foron as que menos me custou escribir»
SANTIAGO

O moañés, tamén membro de Lontreira, inicia a xira co seu primeiro disco hoxe en Santiago
14 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.20.30 horas • Riquela • Desde 13 euros • Integrante de Lontreira, o moañés Héctor Rodríguez inicia esta noite xira co seu proxecto persoal, Montedapena, presentando o disco homónimo, que o levará tamén por Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña. Nesta primeira cita chegará acompañado polo guitarrista Jairo Daponte.
—Inicio de xira, engádelle un compoñente especial? Máis nervios?
—O feito de que sexa en solitario, non. Pero nervios sempre porque hai moito traballo detrás e sempre queres que saia todo perfecto.
—Que foi o que o animou a dar o paso para actuar en solitario?
—Sobre todo o tema de descubrir a miña voz. Fixera coros con Lontreira e gravara catro cousiñas, pero non me puxera a experimentar ben gravándome a min mesmo como solista. Entón, cando comecei a gravar e ver que a voz soaba ben, dixen: «Hai que facer algo con isto». A partir de aí falei con Josiño, de Ernie Records, e apostaron por este proxecto.
—Isto foi hai moito tempo?
—Das maquetas hai un ano, na primavera falei con Josiño e no verán xa estabamos gravando o disco.
—A paixón pola música xa lle vén de lonxe?
—Non teño ninguén na familia música, pero de pequeno encapricheime en tocar o piano e tiven a sorte de entrar na Escola de Música de Moaña. Despois, con 14 anos, fixen o primeiro grupo, era de metal, e xa compoñía cancións. Despois, xa veu Lontreira.
—Na promoción do disco fala que é un repaso aos «momentos blanditos» da súa vida. É complicado espirse tanto e contar as intimidades?
—Ao principio dábame algo de pánico polo feito de que son letras directas, non hai moito segundo sentido. Son letras que as escoitas e sabes do que se está falando. Ao principio, dábame reparo, pero, ao final, dixen: «Isto é o que son, o que sinto e creo que se teño que defendelo en directo, ten que ser algo que sinta de verdade».
—Algunha lle custou especialmente?
—Pois realmente as que máis carga sentimental levan son as que menos que custaron menos escribir. Eu nunca escribira letras desta maneira antes. Outras que levan menos carga sentimental eran as que lle daba máis voltas.
—O feito de que sexa pop e con ritmos moi bailables fai que a carga desas letras sexa dirixida de xeito máis doado?
—Penso que si. En «Rutina sen fin» está esa idea de bailar triste, pero bailar. É un reguetón triste. A min encántame bailar e, por tristes que poidamos estar, sempre nos queda iso. A min o de bailar sérveme de cura para moitos males.
—A primeira frase da canción que abre o disco di: «Quixen saber onde estou». É así como se sentiu?
—Foi o primeiro tema que escribín e, a medida que fun avanzando, cambiei de etapas. Son distintas as do principio que ao final. Creo que o fun atopando a ubicación.
—Era a ubicación que esperaba?
—Si, pero agora irei a onde me leve esta loucura.
—A intención é darlle continuidade ao proxecto en solitario? Seguirá tamén con Lontreira?
—En Lontreira seguiremos facendo música e haberá algo máis de relax cos concertos, que estabamos moi activos. Seguiremos publicando música, pero non tan centrados en obxectivos. E estarei máis centrado en tema concertos en Montadapena.
—Márcase algún obxectivo con Montedapena?
—De xeito persoal, gustaríame vivir da música, que é o que me gusta, compaxinándoo coa produción.