Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Roberto Vilar: «Gústame que o público chegue ao teatro e non saiba exactamente o que vai pasar»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO

SANTIAGO

Pepa Losada

O humorista recala esta noite no Auditorio Abanca con «Continueixon»: «Santiago sempre é especial. Pode ser que aquí me entendan mellor ca noutros sitios porque levo máis de 30 anos»

15 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

21 horas • Auditorio Abanca • Desde 19,80 euros • Despois do éxito do ano pasado con «Celebreixon», Roberto Vilar volve de xira polos teatros con «Continueixon», co que esta noite recala en Santiago, onde o Auditorio Abanca estará practicamente cheo. As últimas entradas poden adquirirse a través da páxina web do humorista e presentador televisivo. «É un espectáculo novo, completamente distinto. Despois, en Santiago sempre é especial, porque levo máis de 30 anos vivindo aquí», afirma.

—Como vai «Continueixon»?

—Estamos pola metade da xira. Está sendo outra vez moi emocionante que o público veña e siga enchendo os teatros para participar de algo parecido ao que veu sen saber moi ben o que vai ver, que foi o que pasou a tempada pasada. Agora segue sen saber de que vai. A min gústame moito ese xogo de que cheguen ao teatro e non saiban exactamente que é o que vai pasar. Ao igual ca ao anterior, vai de sorpresa en sorpresa.

—Pode adiantar algunha desas sorpresas que ten preparadas?

—Estamos como na miña segunda casa, que é Santiago, e vén unha persoa moi coñecida de aquí. Vamos, un famoso, pero é sorpresa.

—Doulle continuidade a «Celebreixon» con «Continueixon». Este respaldo do público seguirao mantendo no teatro?

—Non sei. A tempada pasada era moi teatral, moito con música, e quedoume ganas de levar algo de «Land Rober» aos teatros, que é o que facemos esta tempada. Hai máis sketchs, máis interacción do público, máis xogos... Tiña ganas de levar un pequeno «Land Rober» ao teatro.

—Hai unhas semanas dicía que no espectáculo pon en valor o humor galego a través do concepto «ser de aldea». Pódese «ser de aldea» nacendo nunha cidade?

—A aldea ten algo distinto porque a convivencia é diferente. Os veciños teñen unha relación moi especial, ou tíñana. Eu vivina de pequeno e neste espectáculo intento incidir en que iso se reflicte en como es e no sentido do humor que tes. Dentro de que todo é humor galego, hai ese humor que aprendemos dos nosos avós, aínda que veces parecían que non o tiñan. As aldeas dannos unha maneira de vivir a comedia distinta.

—Agora que as aldeas se quedan baleiras, pérdese ese humor galego ao que se refire?

—A clave está nas relacións. Agora aínda que haxa xente nas aldeas, esta non sae das casas, non hai relación; antes tiñan que ir co gando. Nas cidades establecer esas relacións é máis difícil porque cada un entra no seu piso, vai o garaxe e marcha. O humor vive moito das interrelacións, de observarse uns a outros; aí si que se pode perder un pouco o noso humor, a nosa comedia galega.

—En Santiago enténdese mellor ese «humor galego»?

—O que pode ser é que aquí me entendan mellor ca noutros sitios, porque levo máis de 30 anos. Entón, sen querer ou querendo, meto moitas cousas e chistes locais.