Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Uxía festexa con A Pedreira, Guadi Galego, Tanxugueiras e Budiño 40 anos nos palcos cun concerto en Santiago

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Trátase da primeira cita da xira «Será por flores». Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles no Auditorio de Galicia

16 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

20 horas • Auditorio de Galicia • 12 euros • Uxía comeza hoxe a soprar as candeas para conmemorar os 40 anos na música cun concerto especial en Santiago no que contará con Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinhas e As Mosas (Chus e Ana Senlle, súas irmás), artistas que dun ou outro xeito tamén marcaron a súa traxectoria. «Nesta estrea quería que fose xente moi próxima a min, case case da familia», apuntaba Uxía na presentación deste concerto hai uns días.

Esta cita en Santiago será o punto de partida da xira «Será por flores» na que terán presenza tanto as composicións propias de Uxía como aquelas que a inspiraron. A artista revisará os seus traballos máis emblemáticos, desde «Enredadas» e «Mulleres a viva voz» ata as súas colaboracións con Narf ou Malvela. Tamén haberá tempo para a súa conexión con poetas como Novoneyra, Lorca e Rosalía de Castro e o seu traballo en Nunca Máis.

O escenario transformarase nun xardín de música e poesía para un espectáculo que evolucionará dende a intimidade ata o coral. A dirección musical estará a cargo de Pablo Novoa, que tamén formará parte da banda que acompañará a Uxía, ao igual que outros músicos cómplices ao longo da súa traxectoria como son Sérgio Tannus, Santi Cribeiro, Isaac Palacín e Pablo Novoa. As últimas entradas para o espectáculo aínda poden mercarse na web de Compostela Cultura e unha hora antes do evento no propio Auditorio.