
Alguén que Respira! continúa con versos inéditos de Berta Dávila, Lara Dopazo e Gonzalo Hermo
21 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Baixo o título de «Vida e poesía», o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo leu onte o Manifesto do Día da Poesía para poñer o punto de partida oficial ao festival Alguén que Respira!. O autor describiu o poema como «unha criatura de ficción dedicada a producir células dotadas de extrema enerxía vital que orixinan novas formas de vida no ecosistema interior de lectoras e lectores».
Ademais, Álvarez Cáccamo tamén aludiu ao poder dos versos no contexto actual. «Fronte ao dominio da vulgaridade reaccionaria, o terror de estado, o crime de lesa humanidade, a inxustiza universal e a violencia imperialista, a poesía ergue unha vontade firme de vida xusta, libre e igualitaria, de intelixencia construtiva e fraternal. O poema é un instrumento de resistencia activa contra o fascismo», concluíu.
Antes, pola mañá, os protagonistas foron os palestinos Samer Abu Hawwash e Mohamad Bittari, que falaron de poesía e exilio.
Hoxe o festival pon o foco en Galicia, coa Xeración dos Neos como protagonista e no descubrimento das novas voces. A xornada comezará ás 12 horas no Principal cunha conversa titulada «Os Neos, unha década despois». Moderada por María Xesús Nogueira, participarán os poetas Berta Dávila, Lara Dopazo e Ismael Ramos. Estes autores regresarán ás 20.15 horas para ofrecer un recital ao que tamén se sumará Gonzalo Hermo. Será unha cita especial, xa que ademais de recuperar algúns dos poemas que marcaron os seus inicios, presentarán novidades. Berta Dávila lerá poemas que supoñen o seu regreso á lírica tras anos centrada na narrativa; Hermo compartirá textos do inédito «Un xesto de tenrura»; e Lara Dopazo estreará versos, entre eles un poema de 11 minutos. A xornada tamén incluirá a entrega dos Premios Respira! (20 horas) e a segunda sesión de «O que mutuos somos», protagonizada por Alicia Fernández e Eduard Velasco (19 horas). Rematará cun encontro co poeta peruano Mario Montalbetti (21.30 horas).