
Poetas da xeración Os Neos amosaron onte traballos inéditos nun recital
22 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A xeración de Os Neos, que cumple unha década, foi a protagonista da segunda xornada do festival Alguén que Respira! Este grupo de autores aos que Antón Lopo, director da cita, considerou, sen dúbida, como «a mellor preparada da literatura galega» deixou reflexión e novidades. Berta Dávila, Lara Dopazo e Ismael Ramos abordaron pola mañá aquilo que os unía e o que os separaba. Xa pola tarde, os tres, xunto con Gonzalo Hermo, protagonizaron un recital no que amosaron traballos inéditos, como foi o retorno de Dávila aos versos tras anos centrada na prosa e na edición literaria, xa que a súa última publicación poética data do 2013.
O festival tamén distinguiu onte as novas voces poéticas coa entrega dos Premios Respira! de Poesía para estudantes. Nesta ocasión, distinguiu os traballos de Santiago Ferreiroa Pena (Primaria, CEIP Curros Enríquez de Ourense), Vítor Augusto Ramos Pinto cun poema en portugués (ESO, IES Neira Vilas de Oleiros), Ainara Fernández Sueiro (Bacharelato, IES Ramón Cabanillas de Cambados) e Iris Abril Teijeira (Universidade e ciclos formativos, Grado de Comunicación da USC). A xornada tamén incluíu un sorprendente encontro poético protagonizado por Alicia Fernández e Eduard Velasco. De pechar a xornada encargouse o peruano Mario Montalbetti.

Percorrido en verso
A última xornada do festival poético comezará cun café-faladoiro cos escritores e ensaístas Arturo Casas e Carlos Lema no que abordarán a poesía que fala de si mesma. Xa pola tarde volve unha das seccións máis arraidadas, o percorrido polos recunchos do Teatro Principal acompañado por versos. Así, os poemas nas voces de Víctor Benavides, Branca Novoneyra, Dani Salgado de Isa Cuena acompañarán un percorrido por lugares que habitualmente non están accesibles ao público. Despois, xa para encarar a recta final, tomarán o relevo María Sánchez e José González, na sección creada este ano onde os protagonistas son parella de vida.
O peche do festival chegará a partir das 20.30 horas co recital «Poesía sen etiquetas», un espectáculo no que a palabra falada, a música e a «performance» se fusionan para borrar as fronteiras entre xéneros. Helena Salgueiro será a primeira en subirse ao escenario con «Amor Beckettiana», un poema escénico con cinema en directo. Seguiralle a ópera con Miriam Reyes, na que poesía e improvisación musical se dan a man. Do peche encargarse Flow do Toxo, «cinco ghamberras». As rapeiras Laura, ST, Temible Oliviana e Xia Nonneva presentarán o espectáculo «Aquí están as que gritan».