Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Desde exposicións e charlas a tapas para homenaxear a Isaac Díaz Pardo

La Voz

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O Museo do Pobo e a Plataforma de Galeras súmanse á homenaxe polo Día das Artes impulsada pola Academia Galega de Belas Artes

30 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Co gallo do Día das Artes, Santiago acollerá múltiples iniciativas para lembrar a Isaac Díaz Pardo, homenaxeado este ano. Non só será a sede do acto central da Real Academia Galega de Belas Artes —impulsora do recoñecemento— este martes (Teatro Principal, 19 horas), senón que outras entidades se suman con propostas.

O Museo do Pobo organizará un programa de actos propio para lembrar a quen fora membro fundador e presidente do seu Padroado desde o 2000 ate o 2011. O mércores, día 2, ás 19 horas, acollerá a conferencia «Isaac Díaz Pardo. Memoria e compromiso», a cargo do investigador e escritor Xosé Ramón Fandiño, estreito colaborador do intelectual. O día 4, ás 12 horas, abre unha intervención nos espazos do museo para facer un percorrido pola súa figura e o seu papel na refundación do Seminario de Estudos Galegos, o seu vínculo co Museo de Pobo e o seu labor a prol da memoria histórica. As actividades completaranse o día 24 cun faladoiro con Xosé Luís Axeitos, María América Díaz, Fernando Arribas e Carmela Montero.

A Plataforma de Galeras tamén homenaxea ao que foi seu veciño. Do día 1 ao 6 de abril desenvolverase «Unha tapa para Isaac», con bares e restaurantes de Galeras e a súa contorna ofertando unha tapa especial dedicada a el. Ademais, escaparates do barrio lucirán pezas de Sargadelos. Xa o día 5, de 11 a 14 horas, na Casa das Máquinas, haberá unha exposición de pezas de Sargadelos das coleccións da veciñanza, e charlas-coloquio sobre Díaz Pardo a cargo de Encarna Otero e de Mercedes Rozas.