
O Concello de Santiago descubríu inscripcións con novos versos e xa suman 18 autores
01 abr 2025 . Actualizado a las 04:55 h.O Xardín das Pedras que Falan, anexo á Fonseca, incorporou os versos de tres novos poetas: o galego Uxío Novoneyra, o brasileiro Tenório Telles e a surcoreana Moon Chung-Hee. Deste xeito, xa suman dezaoito pedras con creacións doutros tantos autores nunha iniciativa que comeza recollendo a obra de Rosalía de Castro.
«Chove para que eu soñe» é o verso do poeta do Courel que permanecerá gravado en pedra no Xardín. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, encargada de conducir o acto, resaltou que «se hai un autor na literatura de noso que cantou a chuvia de xeito persistente na súa obra, ese foi sen dúbida Uxío Novoneyra».
A Novoneyra séguenlle «Pássaros brancos esgriman com o vento», do poeta brasileiro Tenório Telles —representado no acto por Claudio Rodríguez Fer—. A terceira pedra descuberta recolle a creación da poeta surcoreana Moon Chung-Hee, que participou no acto na que se converteu na súa primeira visita a Galicia. «Son eu o único xeito de encontrarme. Baixo o ceo cheo da pregunta», di na pedra. A rexedora compostelá resaltou que a coreana «transformou o espazo literario, levando as voces das mulleres a un terreo que tradicionalmente era dominado por escritores».
Deste xeito, os pedras seguen facendo un camiño cheo de versos a carón de Fonseca. «Estase a converter nun lugar de memoria literaria, onde conviven linguas e culturas unidas a través da literatura, e onde a voz das mulleres autoras ten a presenza que lle corresponde, isto é, a mesma que a dos homes», dixo a alcaldesa.