Tres alumnas do colexio Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro poñen voz á copa que gañou un premio no certame Enreguéifate
25 abr 2025 . Actualizado a las 18:46 h.[uxía lópez] No ano no que a Real Academia Galega dedica o día 17 de maio ás cantareiras, no que o pleno do Concello Dodro fixo un recoñecemento unánime ás representantes deste colectivo no municipio e no que Xabier Díaz presentou o seu novo libro disco no colexio Eusebio Lorenzo Baleirón, o centro foi premiado pola regueifa que interpretan tres alumnas de sexto de Educación Primaria con melodía recollida na aldea de Reboiras. A peza resultou gañadora do certame Enreguéifate na categoría escolar de regueifa mellor cantada.
Catuxa Salgado, de 12 anos e de Lestrobe; Nieves Otero, de 11 anos e de Imo; e Lucía Vicente, de 12 anos e tamén de Imo, poñen voz á letra da copla. Elas son a cara visible deste fermoso traballo, que é colectivo porque detrás está toda a clase de sexto de Primaria, catorce alumnos que, repartidos en tres grupos, crearon a letra en base a unha temática: a razón e a emoción, cun mediador de por medio. O resultado é unha regueifa premiada e a alegría de participar no concurso (é a terceira vez que o fai este centro), pero tamén de achegarse á música popular, na que Dodro ten moito que dicir.
Así, a regueifa recibiu o premio dun xurado pero tamén do público coas súas visitas de modo que, cando falaron estas rapazas, o vídeo levaba máis de 1.500.
«Pareceunos moi interesante a idea de facer a regueifa e participar no concurso porque, ademais, é un tipo de música que nos gusta bastante», coinciden en sinalar as tres alumnas. Tamén falan de que no centro traballan moito a música popular, polo que o ritmo xa o tiñan aprendido de antes. «A letra custou un pouco máis sacala pero, ao ser un traballo de clase, pouco a pouco foi saíndo», contan as alumnas. A docente de Música, Carolina Vázquez, engade que se trata dun «grupo moi traballador e moi comprometido coa música», algo que estende a todo o centro. Así, sinala que «a colaboración do alumnado e do profesorado fai que a música e o baile estean moi presente no día a día do colexio, incluída a música propia de Dodro, o que serve para poñer en valor ese legado».
A regueifa interpretada polas tres alumnas coa melodía recollida en Reboiras é exemplo diso.
Catuxa, Nieves e Lucía, as tres alumnas de Dodro que interpretaron a regueifa premiada no certame