Mercedes Corbillón, coorganizadora de «LeComigo» en Santiago: «É unha maneira de compartir o pracer por ler»

SANTIAGO

A actividade desenvolverase hoxe a partir das 11.30 horas na Casa das Máquinas e participará nunha vintena de autores
27 abr 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Desde as 11.30 horas • Casa das Máquinas • Gratis sen necesidade de inscrición • Santiago acolle hoxe «LeComigo», unha quedada para ler en silencio durante unha hora e conversar despois cunha vintena de autores que participarán na iniciativa. Detrás desta proposta están a editora Gemma Sesar e a libreira Mercedes Corbilllón, que agradece a colaboración das editoriais na actividade cos libros que sortearán entre os asistentes. «É bonito ver como atopamos colaboración para este evento», di.
—Como xurdiu a idea de poñer en marcha «LeComigo»?
—Falando entre dúas lectoras ocorréusenos facer algo diferente, que non fora presentacións, clubes de lectura..., que tamén me encantan. É un xeito de facer máis cousas ou diferentes por reivindicar o pracer da lectura e darlle voz e presenza aos lectores. Tamén é unha maneira de compartir ese pracer. Isto xa se está facendo noutros lados, como en Estados Unidos, con esa idea de quedar para ler. Ler é un acto tan individual e, sen embargo, ímoslle dando unha volta.
—Que acollida agardan?
—Sempre é un misterio porque non había que anotarse. Este primeiro encontro —porque somos optimistas e vai haber máis— vaise celebrar nun espazo precioso como é a Casa das Máquinas, que é moi grande polo que non fai falta anotarse. En vindeiras convocatorias igual xa se fai doutra maneira en función deses espazos nos que se celebre. Xa nos chamaron moitas persoas se era preciso anotarse. Penso que vai gustar a idea porque teño o «feedback» dos moitos escritores que invitamos, que se amosaron entusiastas coa iniciativa.
—Entón a idea é darlle continuidade?
—Xa estamos pensando nunhas cinco primeiras entregas. Esta sería a primeira e a segunda, probablemente, o 18 de maio no Museo das Peregrinacións. Ao mellor nas seguintes ocasións igual vai nunha temática concreta, facer algo coa Universidade... Tamén é mover a un público máis novo. Pola miña experiencia cos clubes de lectura, algo que me encanta é mesturar xente nova con xente maior, xente en activo con xubilada, xente de diferentes ámbitos, barrios... Aquí, aínda que o reto é ler en silencio durante unha hora, despois tamén podemos compartir e dar as opinións co microaberto. Estarán os autores que pasarán tamén unha hora lendo como unha máis entre os que asistan e comentando o que len. A invitación aos escritores é a que veñan ao ler con nós. A idea é reivindicar a lectura. Despois, dunha hora lendo en silencio, todos podemos falar nese microaberto.
—Fala de reivindicar a lectura. Na sociedade actual é necesario? Por unha parte, vense ringleiras en sinaturas de libros e, por outra, estamos nun contexto de vertixe que non invita á pausa para ler.
—O libro, por unha parte está moi vivo; a literatura é algo minoritario, pero é como un virus inoculado nunha parte da poboación dun xeito moi letal. Tamén é certo que por moi lectores que sexamos sempre estamos coas interrupcións do teléfono. O reto do ruído que nos acompaña é importante. Hai un montón de actividades que compiten coa nosa paixón pola lectura. Entón, por iso, esta actividade para gozar da lectura en silencio. Tamén é un xeito de rebeldía pero, ao mesmo tempo, ao facelo como festa, é un forma de conectarnos polo que nos une, que é o pracer de ler.