As preocupantes cifras do galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

AMES

XOÁN A. SOLER

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os datos da enquisa que nos acaba de fornecer o IGE sobre a realidade social da lingua galega confirman unha situación que non é a primeira vez que comentamos nestas mareas. Aínda hai pouco que a RAG apuntaba datos concretos do concello de Ames, poboación en crecemento próxima a Santiago de Compostela, cunha importante presenza de rapaciños e rapaciñas nas escolas. Cada quen pode ler as cifras segundo a propia conveniencia, pero os datos son os que son. Certo que, porcentualmente, Galicia mantén unha poboación leal ao seu idioma bastante por riba doutras comunidades con lingua de seu: Euskadi e Cataluña, por exemplo. Dende a Xunta sublíñase moito este feito. Mais é unha realidade que vén dada e que nada ten que ver coas mudanzas e os desafíos da modernidade, que son os que mandan. Euskadi e Cataluña teñen unha poboación inmigrante que nós non temos. O mundo rural ou semi-rural segue sendo a nosa gran reserva, mais en claro proceso de esmorecemento. O que de verdade conta é a tendencia.

As dúas cuestións de fondo que, na miña opinión, son os grandes desafíos e, por tanto, os puntos estratéxicos sobre os que debería incidir a política lingüística, sempre que queiramos manter unha lingua viva, non unha reliquia de museo, son: os ámbitos urbanos e as novas xeracións. Tanto nun caso coma no outro a realidade é preocupante. O lector ten os datos na edición de onte deste mesmo xornal.

Canto máis grande é a poboación e canto máis poderosa é a cultura urbana fronte a cultura tradicional, máis grande e poderosa é a presenza do castelán. Canto máis vellos son os falantes, maior é a presenza do galego, ata o punto de que na poboación menor de 14 anos o non uso (nin coñecemento!) do idioma empeza a ser preocupante. Nada que non comentásemos moitas veces. Que estamos a facer nos colexios? Como podemos declararnos satisfeitos dunha situación que non dá socializado á poboación nova no seu idioma, poboación que fala maioritariamente galego nas casas (Ames) e o perde no patio do recreo? E nas aulas da universidade, onde en principio non só se establece a especialización do coñecemento senón as pautas de uso da futura vida profesional? E os medios de comunicación de masas, onde o galego acada escasamente o 5 %, fronte unha poboación galegofalante maioritaria? E a oferta cultural e de lecer: o cinema, a publicidade, a música, os espectáculos deportivos, os espazos de entretemento..? E os referentes sociais dominantes na industria, no comercio, na economía, non só na política?

Diante desta situación, que non é nova, caben dúas posturas: a fatalista, considerando que as cousas son como son e que as leis da historia impoñen a extinción dos máis febles, ou a de aqueles que cremos que os seres humanos (a cidadanía) poden modificar a realidade inxusta. Sen vontade certa de actuar, non hai política posible.