Maianas estrea hoxe «De Trisca!»: muiñeira, xota e tamén rumba

La Voz

AMES

Cedida

O grupo de cantareiras de Ames ofrecerá esta tarde un concerto en Bertamiráns

26 ene 2020 . Actualizado a las 04:50 h.

18.00 horas • Casa da Cultura de Bertamiráns • As Maianas volven hoxe ao lugar onde actuaron por primeira vez para presentar o seu novo disco, De trisca!. Quince temas que, na súa maior parte, son composicións propias de Ruth Cancela, Ainoa Fajula, Cruz Negreira, Irene Nieto e Inés Suárez, que deron os seus primeiros pasos xuntas polo 2007 a raíz dun taller de baile e música tradicional do Concello de Ames.

«Este novo traballo ten máis cancións propias nosas que os anteriores, aínda que tamén hai algunha tradicional. Ademais, hai unha maior presenza da guitarra española, xa que está en máis da metade dos temas, para darlle un toque diferente as típicas pandeireteiras», explica Inés Suárez, integrante deste grupo de cantareiras amiense que tenta darlle unha «volta de tuerca para que non sexa a música tradicional de sempre». En De trisca! hai un pouco de todo: xota, muiñeira... «e nas nosas somos máis rumberas», engade. É o resultado de varios anos de traballo e de facer unha criba nos temas que compuxeron as cinco integrantes. «Tiñamos ganas de incluír no disco aquelas cancións que non meteramos ata o momento nos dous anteriores, pero o problema é que nos xuntamos con un montón delas e tivemos que facer unha escolma». No concerto desta tarde en Bertamiráns contarán cos tres colaboradores, Xosé Martíns, Os Coribantes e Bea a de Estrella.

Son unhas Maianas moi diferentes as do primeiro disco no 2011?. «A esencia sempre está aí, pero si que van notar cambios, unha evolución», explica Inés Suárez.