Arzúa dáse unha homenaxe con Ana Kiro

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

PACO RODRÍGUEZ

A Festa do Queixo, coa mostra sectorial máis importante de Galicia, lembrou á finada artista na súa xornada inaugural

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Honrar a Ana é honrarnos a todos nós», dixo onte Toñito de Poi en Arzúa. Falaba de Ana Kiro e facíao, pola estreita relación que mantivo con ela, en calidade de pregoeiro da Festa do Queixo, que, na súa edición número corenta e tres, quixo recoñecer a artista da Castañeda nesa faceta e tamén como muller.

«A Festa do Queixo, da que nunca puido ser pregoeira, estaba en débeda con ela», afirmou o alcalde José Luis García López, que saldou esa conta popular cunha homenaxe a título póstumo que xustificou merecida porque «había unha muller boa, valente, forte e loitadora detrás da artista», un papel que desempeñou contra o vento e a marea impostos pola miseria económica, social e política de metade do século pasado «cantando á Castañeda, a Arzúa, á emigración, a Galicia, e, sobre todo, facéndoo en galego».

E para quen queira lembrala máis aló da pegada que deixou na memoria queda un busto de quen foi un símbolo da verbena e da canción lixeira galegas no parque infantil da vila, que todos os anos por estas datas, e ao marxe do recordo da presente edición a Ana Kiro, se dá unha homenaxe coa Festa do Queixo en si. Volve xirar en torno á mostra sectorial máis importante da comunidade, como pon de relevo a presenza de queixarías, ademais de galegas, de todo o territorio estatal. Os produtores do queixo anfitrión, o que se elabora baixo o amparo da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, son lexión na mostra, na que tamén hai queixos asturianos, baleares, estremeños, e doutros países como Francia, Italia e Suíza. A vertente que distingue a Festa do Queixo das citas gastronómicas ao uso volve ser unha programación cultural, cun festival de música á cabeza de primeiro nivel.

La feira foi visitada onte pola conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, quen aproveitou para ofrecer o balance da denominación de orixe Arzúa-Ulloa do 2017: a produción deste queixo alcanzou os 3,5 millóns de quilos, con un valor económico que superou os 21 millóns de euros. «Hai 1.348 gandeiros que entregan leite ás 21 queixerías amparadas», dixo a conselleira.