
O home, parente do recoñecido artesán Basilio Carril, quen lle regalou a súa primeira gaita, faleceu aos 88 anos na parroquia de Maroxo
08 abr 2025 . Actualizado a las 17:45 h.Empezou a tocar de neno con palllas de centeo. A súa primeira gaita foi regalo dun recoñecido parente seu: o gaiteiro e artesán Basilio Carrill, natural como el de Arzúa, onde Julio Vázquez Carril, veciño da parroquia de Maroxo, custudiou o tocar «ao pechado», como así se lle chama a «tocar máis coa man de abaixo, e non levantar moito os dedos», explicaba, hai tres anos, para La Voz. Con 88, dixo adeus, deixando como legado ao patrimonio cultural galego un xeito de facer soar a gaita, característico da zona, que despertou o interese documental dos mestres universitarios Carlos Rodríguez Osorio e Manuel Noia, e do artesán de percusión Xosé Tuñas.
Da man deses tres homes regresou coa súa gaita ás foliadas que de neno compartía con Basilio Carril este gaiteiro de Arzúa, homenaxeado en vida na Festa da Gaita Galega, en Arzúa, e polo grupo A Buxaina, en Vigo. A súa aportación ao folclore popular galego está recollida na colecccion «Os nosos gaiteiros», de Edicións do Cumio, que recompilou un repertorio de vinte e catro pezas que amosan a tradición gaiteira de Arzúa.
Julio Vázquez Carril, a quen a súa familia lembra na súa necrolóxica como «o gaiteiro de San Miguel», foise co cariño da súa xente e dos seus veciños. Dende o Concello de Arzúa emitiuse un comunicado, expresando un «fondo pesar» polo pasamento de quen foi «moito máis ca un músico: un artesán do son, herdeiro dunha tradición fonda que mantivo coas mans, co peito e coa alma [...] A súa perda dóenos, pero o seu legado segue nas festas, nas foliadas, no roncón que resoa entre as corredoiras e os alpendres de Arzúa».
«O gaiteiro de San Miguel» recibirá este mércores sepultura no cemiterio de Maroxo, logo do funeral que na igrexa da mesma parroquia se oficiará ás seis menos cuarto da tarde. Os restos mortais de Julio Vázquez Carril están sendo velados no tanatorio da Funeraria Cardelle en Arzúa.