«Actuar en sala ou festival é moi diferente»

Brais CApelán

BOIMORTO

. César Quián

Triángulo de Amor Bizarro actuou onte no WOS de Santiago e mañá farao no Festival da Luz de Boimorto

10 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival de La Luz, que abriu onte as súas portas en Boimorto, incluirá hoxe 23 actuacións, entre elas a de Susana Seivane, Pedro Guerra ou Heredeiros da Crus. Entre os que conforman o cartel está Triángulo de Amor Bizarro, que actuou onte no WOS en Santiago, hoxe viaxan a Madrid e mañá estará en Boimorto. O grupo de Boiro atópase presentando o seu cuarto traballo: Salve Discordia. Isabel Cea Álvarez (Bueu, 1978) é a baixista e cantante da banda.

-Venres en Santiago, sábado en Madrid e domingo en Boimorto. Ese si que é un fin de semana intenso.

-No verán solemos ter bastante movida. Ademais, este fin de semana, como temos dous concertos en Galicia, que é moi raro, pois estamos ata relaxados. É o mellor destes días, poder tocar dúas veces na nosa terra. Para nós non é moi sinxelo facelo.

-Pero estiveron este verán en varios festivais galegos.

-Si que é certo. Estamos sempre contentos de tocar aquí, pero canto máis, mellor.

-Tivo que ser intenso o verán coa presentación do seu novo disco.

-A verdade é que estamos moi contentos, foi un verán incrible. Practicamente percorremos todas as provincias. Estamos moi satisfeitos de como a xente acolleu o novo disco e temos moitísimas gañas de seguir tocando agora que empeza a temporada de salas.

-E nun mes marchan a México.

-Si, marchamos o 15 de outubro. Sempre que sacamos disco fomos alí a actuar e xa se podería dicir que é a nosa segunda casa. Sempre que temos tempo pensamos en ir tocar alí. A verdade é que segundo íamos tocando e sacando discos xa atopabamos un público máis asentado e gústanos moito.

-¿Gústalles máis tocar en salas como a Capitol ou en festivais como o de Boimorto?

-A verdade é que actuar en sala ou festival é moi diferente. Iso é o importante no fondo, que nunca te aburres. A forma na que planeas un concerto nun auditorio pechado ou nun escenario aberto xa é diferente. Os concertos en sala están dirixidos a unha xente que te coñece máis e vai sabendo o que vai ver, aínda que sexa un evento como o WOS. Nos festivais exposte a un público que pode non coñecerte, pero actúas ante moitísima máis xente da que sería posible nunha sala. Tamén é unha boa forma para que a xente que non te iría ver noutra ocasión coñeza a túa música. Nós tratamos de tocar en festivais dunha forma máis clara e directa, mentres que nas salas vamos ao terreo máis íntimo.

-¿O concerto da Sala Capitol e o que ofrecerán mañá no Festival da Luz serán distintos, entón?

-Si. O que si van ter ambos en común é o Salve Discordia, o noso último disco, que estamos presentando este ano. Partindo desa base, si que adaptas un pouco o repertorio á situación.

-Tamén influirá o tipo de público que se atoparán en Boimorto, cun cartel moi variado.

-O Festival da Luz é un evento no que te podes atopar con bandas moi diferentes, con estilos moi diversos. É moi interesante e temos moitas gañas de tocar en Boimorto.

-¿Presiona á banda que todos os seus discos obteñan tan boas críticas?

-Creo que esa presión é algo que tes desde que decides ter un grupo. O feito de conseguir manter algo así, sen contar se tes boas ou malas críticas, xa xera unha presión que é moi difícil de xestionar. Pero ter boas críticas é incrible porque abre moitas portas e deixa marxe para facer cousas novas. É no mellor no que te podes apoiar para seguir facendo o que che gusta. A auteéntica presión para os que traballamos na cultura é o IVE, non ter apoios ou que os políticos te deixen de lado.

-¿Como foi a súa evolución musical ao longo destes catro discos?

-Creo que o grupo, no momento no que saíu o primeiro disco, fomos evolucionando con cada traballo. Non é o mesmo ensaiar dous días que ter que preparar xiras. A xente que tes ao lado ten que seguir o ritmo e adaptarse a ese xeito de vida.