«Para servir a Brión, eu ofrezo a miña experiencia a quen quede de alcalde»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

BRIÓN

Sandra Alonso

Vaise logo de 41 anos: «Voume emocionar no pleno, levo noites sen durmir»

09 sep 2020 . Actualizado a las 18:19 h.

Nas terras nas que se veneran os restos dunha nena mártir, santa Minia, a finais dos anos 70 formouse unha candidatura de mozos galeguistas de esquerdas que aspiraba a formar parte da primeira corporación democrática de Brión. «Non aspirábamos máis que a ter dous ou tres concelleiros, e gañamos. Foi unha sorpresa», recorda o número un daquela lista, Xosé Luís García García (Brión, 1953). A sorpresa repetiuse once veces máis, ata o de agora, cando o primeiro alcalde democrático en activo en Galicia deixa o cargo por razóns familiares. Aínda que é unha decisión meditada, recoñece que lle vai custar: «Voume emocionar no pleno, levo noites sen durmir».

-Leva noites sen durmir vostede, que no 23F foi ameazado de morte e durmiu igual... Conte como foi ese episodio.

-Cando á unha da mañá ía para casa, logo de pasar todo o día no concello, sentín as metralletas detrás de min. Era o comandante do posto da Garda Civil e outro axente, que me din que os acompañe. Eu dixen que non, e pasou un concelleiro que, vendo o que pasaba, díxolles que se me levaban a min, tamén o tiñan que levar a el. Logo dun tira e afrouxa, o comandante acordou: “¿Qué más nos da matarlo esta noche que mañana?” E a cousa, afortunadamente, quedou en nada. Medo? Nese momento si, pero agora recórdoo como unha anécdota.

-Presentáronse varias veces como Candidatura Galega Independente, pero eran, e son, de esquerdas. Había medo aínda a ir nunha lista de esquerdas?

-Non, nós nos definiamos como galeguistas. E digo definiamos porque hoxe non me gusta a palabra. Desde que Feijoo dixo que era galeguista, eu xa non digo que o son. E si, éramos de esquerdas e seguimos séndoo por riba de todo.

-Ata que o PSOE, na época do bipartito, fíxolle unha oferta e non puido dicir que non.

-Non foi exactamente así. Desde o primeiro día, o PSOE andou detrás de nós.

-Só o PSOE?

-Non, non só. E nós tamén sempre nos deixamos querer. Cando un empeza pensa que vai cambiar o mundo, pero decatámonos de que sós non podíamos. E logo tivo que ver a miña amizade persoal co actual alcalde de Santiago, con Bugallo, que a había, a hai e a seguirá habendo, e que insistiu moito. Aquí fixérase unha enquisa na que se lle preguntaba á xente a quen votaba, e a xente contestaba que á Candidatura Galega Independente, e para as autonómicas e xerais contestaban o mesmo, aínda que nós non nos presentabamos. E, en efecto, gañabamos todas as eleccións. Pero había que tomar unha decisión, e o Partido Socialista era o que mellor nos representaba. Nós, as decisións importantes as tomamos sempre en asemblea, e fixemos unha para decidir se íamos co PSOE e sorprendeume que tivo o apoio do cen por cen. Pasámonos ao Partido Socialista por unanimidade. Nas primeiras eleccións puidemos perder un concelleiro ou dous, pero logo os recuperamos.

-Vótase á persoa?

-Si, votaban ás persoas e non ao partido.

-Ten carné do PSOE pero sempre dixo que, ante todo, era alcalde de Brión. Que pensa do decreto para ceder os remanentes municipais?

-Estou totalmente en contra, é unha aberración, porque son os nosos cartos e non hai unha xustificación. Non poden dicir que non se pode facer doutra maneira. Igual que se fixo unha lei, a lei Montoro, faise a contraria.

-Foi a primeira Administración galega en empregar o galego?

-Si, fixemos sempre as actas en galego e ata nos deron un premio, o Lois Pena. E nunca tivemos problemas por iso, facíase con naturalidade.

-As primeiras viaxes da terceira idade as fixo Brión?

-E a festa dos vellos, que antes a chamabamos así. Agora somos moi finos e hai que chamala da terceira idade. Daquela non había Imserso nin se sabía o que era, pero nós, como todo o facemos así, para que non saíra caro, soubemos que o exército vendía un autobús e comprámolo, e facíamos viaxes todas as fins de semana, a distintos sitios e cada semana unha parroquia.

-Vostede ía sempre?

-Eu creo que menos unha vez, fun a todas.

-Por que cre que os veciños confiaron en vostede máis de catro decenios?

-Nada tería sido posible se non houbera desde o principio unha complicidade entre os veciños e o goberno municipal. Pero eu quero tamén ter un especial recordo para os concelleiros que xa non están entre nós, e tamén para os que formaron parte das distintas corporacións municipais, porque todos traballaron. E tamén para familia, que lle quitei moitas horas. Ese é o motivo de deixalo, que agora xa non podo dedicarlle todo o día ao concello.

-Esa relación tamén foi boa coa oposición?

-Tamén. Creo que en Brión non houbo un pleno que durase máis de media hora, por algo será. Pero o gran mérito é dos veciños.

-Será difícil marchar?

-Dóeme un montón ter que deixalo, pero o meu teléfono o ten todo o mundo; e eu, para servir a Brión, ofrezo a miña experiencia a quen quede de alcalde, a quen o pleno decida.

«Antes estaba Pedrouzos, onde vivían os catro caciques. Hoxe, todas as aldeas teñen servizos»

Son tempos de balance, de volver a vistas atrás.

-Como era Brión cando vostede acadou a alcaldía e como é agora?

-Antes estaba Pedrouzos, onde vivían os catro caciques. Hoxe, todas as aldeas teñen servizos. Foi un cambio tremendo, aínda que eu sígome queixando porque os gobernos que tivo Galicia, e tamén os gobernos centrais, nunca fixeron moito polo rural. A ver se agora cambia isto coa pandemia.

-En todo caso, lograron que Brión fora un sitio cobizado para vivir. Non o levan con orgullo?

-Estamos moi orgullosos. A proba é que, sen pretendelo, conselleiros, médicos, profesores da universidade... son moitos os que viven aquí.

-Houbo ás veces que dicirlle que non aos construtores?

-Moitas veces, había que cumprir a norma e non había outra. E aínda así non paramos de medrar en habitantes.

-Vostede, que vén dos tempos da Transición, que pensa desta revisión que se lle fai agora?

-Como todas as cousas, hai que facelo con sentidiño, como se fixo nese momento. Se houbo catro tolos que non o fixeron así, afortunadamente, a maioría si o fixemos, e creo que falo desde a experiencia. Agora mesmo queremos sacar proveito político de todo, ata da pandemia. Antes había xenerosidade e lealdade. Hoxe, nin firmando papeis. Non hai palabra.