Alberto Álvarez, técnico de Cultura de Brión: «Vai ser unha Santa Minia complicada polo peche da carballeira»
BRIÓN
No responsable cultural do Concello de Brión recae a organización da popular romaría
26 sep 2024 . Actualizado a las 23:12 h.Despois de 32 anos á fronte do departamento municipal de Cultura, Alberto Álvarez Escudero (Ribadavia, 1962), é todo un referente no municipio de Brión. Chegou ao Concello mediante un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a finais da década dos 80, para poñer en marcha un Plan de Acción Cultural no rural, e xa non o deixaría. Agora, leva xa un tempo asumindo a organización da romaría de Santa Minia, do 26 ao 29 de setembro.
—Canto avanzou Brión no eido cultural?
—Pois imaxínate. Foi empezar nun Brión onde a actividade deportiva e cultural era escasa, porque non existía, como tampouco existían infraestruturas. Foi aquel Brión de inicios dos noventa coa creación das escolas municipais, o pavillón polideportivo, a biblioteca… é dicir, foi todo unha cadea. Foron uns inicios moi complexos porque naquel tempo ata houbo que meter autobuses para a recollida dos participantes nas escolas, de cara a axudar ás familias.
—Que lle queda a este 2024?
—Pois comeza o Outono Cultural en outubro que é música e o Fegateatro, case todos os venres e os sábados. Por un lado, con grupos profesionais e polo outro dándolle cabida tamén a afeccionados. Temos un convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado que nos permite ter sete espectáculos con compañías de toda Galicia.
—E os festivais?
—Temos varios que funcionan moi ben nos últimos anos. Un festival de monecadas, en setembro, e un de monicreques no Nadal co que superamos as vinte e cinco edicións. E logo está o festival de artes inclusivas, que vai pola oitava edición, e que este ano para darlle máis visibilidade comeza por Santa Minia, sobre todo na clausura do domingo 29. Logo, os meses de marzo, abril e maio son potentes en programación porque facemos actividades dirixidas exclusivamente aos nosos centros educativos, como presentación de libros, contacontos ou obras de teatro.
—Fálenos de Santa Minia.
—Pois é a primeira vez que metemos grupos alternativos ás orquestras e pensados máis para a xente nova, o sábado, cos concertos de Astarot e Sr. Salvaje. Logo, tanto o xoves 26 coma o venres 27 están as orquestras. O primeiro día con Los Satélites e Olympus, e o día grande con Marbella e Origen. E a clausura co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, o domingo despois do festival de bandas de música. E todos os días, aparte das charangas, intentamos que haxa algún espectáculo para un público familiar, e por iso este ano o festival de monecadas vai incluído aí, e que todos os días ás cinco da tarde poidan ter un espectáculo.
—E a carballeira pechada?
—Vai ser este un ano complicado para a circulación da xente na zona das cinco polbeiras, e imos utilizar a Praza do Concello cos espectáculos de pequeno formato. Temos entre 140-150 postos de venda e aparcadoiros gratuítos, ademais da finca onde se instalan as atraccións. O tráfico córtase o 26 pola tarde e contaremos cun Punto Lila.