E Reboiras xa non puido correr máis

La Voz FUGAS

DODRO

29 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Elevado a icona, unha primeira impresión da figura de Moncho Reboiras converte o personaxe en mito, efecto que se multiplica coa ampla difusión da súa imaxe en carteis e murais da causa nacionalista. Pero a Xosé Ramón Reboiras Noia, morto a tiros pola policía franquista en agosto de 1975, cando só tiña vinte e cinco anos, apenas lle deu tempo a ser novo. Ao ser humano, ao rapaz, ao militante que acaba empuñando as armas cando recrúa a represión nos estertores da ditadura, dedícanlle esforzos Xurxo Martínez e Xosé Manuel Pereiro en Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira editorial), brillante achegamento á súa biografía. E un remata de ler estas páxinas coa sensación de viaxe profunda. Coa certeza de entender mellor unha psicoloxía e un tempo cargado de antagonismos.

Explican os autores que non quixeron falar no libro algúns policías relacionados co operativo de Ferrol que acabou coa vida do protagonista. Un silencio que por si mesmo resulta ben elocuente. Pero si o fan, en cambio, unha completa nómina de militantes e compañeiros dunha UPG aínda clandestina, seducida pola vía armada malia o escaso apoio social e uns medios demasiado precarios para erguer un aparato militar. Porque, alén do percorrido pola peripecia vital de Reboiras, o traballo de Martínez e Pereiro pon o foco na voz dos que viviron aquelas penurias, cando o franquismo non daba morto e a democracia quedaba moi lonxe. As testemuñas, sen dúbida, son suculentas. E os investigadores acertaron ordenando un material que se le coma unha novela onde, no desenlace, os que disparan son outros.

De coñeceren a desventura de Reboiras, se se nos permite a fantasía, quen sabe se un Gillo Pontecorvo ou un Elio Petri, xigantes do cine político, se botarían a poñerlle imaxes á historia dese rapaz de Dodro ao que o destino lle tiña preparado «tres disparos al aire» da Brigada Político Social. Certa atmosfera desas películas está aquí, na sordidez do ambiente, na violencia dun réxime en descomposición, na teima duns militantes que se atopan con detencións e exilio. Pero en Reboiras. O camiño da rebeldía, por sorprendente que pareza, hai espazo tamén para o sorriso. O relato que fai Margarita Ledo do seu paso a Portugal, por exemplo, semella máis digno dun filme de Peter Sellers. E os autores dan no albo ao engadir esa compoñente, tan real e lixeira, a unha traxedia moi ben contada.