Manuel López Rodríguez gaña o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón en Dodro
DODRO
O autor noiés recollerá o galardón nun acto que se celebrará o vindeiro 9 de decembro no colexio da localidade
19 nov 2023 . Actualizado a las 05:05 h.O xurado do trixésimo sexto premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro, declarou como gañador a Manuel López Rodríguez, coa obra Palabras do sur. Elvira Ribeiro coordinou esta edición do premio, cun xurado no que se integraron as escritoras Chus Nogueira, Lorena Souto e Brenda Mondelo, xunto co alcalde Xabier Castro e o concelleiro de Cultura, Ramón Abuín Gómez; destacaron da obra gañadora «a consistencia do proxecto, tanto a nivel estrutural como polo que respecta a cada poema en particular, así como unha complexidade que dá pé a varios niveis de lectura», avalados ademais por «unha pluralidade de recursos que consegue crear unha atmosfera coherente ao longo de toda a obra», sinalan.
López Rodríguez, nacido en Noia, empezou a escribir poesía con 16 anos. Ao longo da súa traxectoria ten recibido numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o López Ardeiro, Eduardo Pondal, Avelina Valladares en tres ocasións, o premio Concello de Carral, o Francisco Añón e o Johan Carballeira. A entrega oficial do galardón será o 9 de decembro, no colexio de Dodro que leva o nome do escritor que dá nome ao premio de poesía, e a obra gañadora será publicada no vindeiro ano.