Miguel Cavadas alerta do risco de imitar o modelo social estadounidense ao recoller o premio Lorenzo Baleirón en Dodro

La Voz SANTIAGO

DODRO

O poeta vigués alzouse co galardón convocado polo Concello coa súa obra «Himno nacional»

15 dic 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Miguel Cavadas Docampo recolleu onte o trixésimo sétimo premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, e co que se alzou co seu poemario Himno nacional, do que o xurado destacara «a frescura dunha voz poética que nos convida, sen ornamentos e dunha maneira moi honesta, a unha reflexión sobre os distintos xeitos de vivir o desarraigamento, o conflito de identidade que supón abandonar o fogar». Unha obra, engadían, que ofrece «dúas visións, un diálogo entre a emigración de antes e de agora, do que significa construírse e medrar lonxe das raíces e do contacto coa caste do apelido. Vivir, case apenas, cun nome de pía por toda bandeira».

Cavadas (Vigo, 1996) relacionou o contido da súa obra cunha mensaxe de alerta sobre cara onde nos diriximos no social por imitar o modelo estadounidense. Guionista e creador escénico, o poeta suma o premio de Dodro ao Mazarelos, Xuventude Crea ou Díaz Jácome. O acto, que encheu o salón do colexio, contou coa actuación musical de Manoele de Felisa, e recitados da xove de Dodro Anaïs Églises, e dos integrantes do xurado Lucía Aldao e Miguel Moreno.