O Concello ten dificultades para atopar voluntarios que queiran vestir os traxes reais na tarde do 5 de xaneiro e mesmo ten recorrido a dúas veciñas
26 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O 5 de xaneiro, os nenos e demais veciños de Dodro poderán seguir a cabalgata de Reis Magos organizada polo Concello. E non con poucas dificultades por algo moi fundamental: a falla de voluntarios para vestir as roupas reais, segundo explica o alcalde Xabier Castro. Tanto é así que neste concello mesmo dúas mulleres chegaron a poñer os traxes de dous reis magos, ante a falta de voluntarios entre os veciños varóns, segundo lembra o rexedor con algo de mágoa.
Para organización da cabalgata, o Concello recorre a unha empresa que, ademais, aporta a animación da tarde. Pero nin así logra ter figurantes para vestirse de reis, unha vez que alegan non dispoñer de monitores para tal fin. Por iso, este ano o alcalde optou por falar coa comunidade escolar, concretamente co Colexio Rural Agrupado (CRA) de Dodro-Padrón, unha vez que dende este lle pediron ao Concello a cesión dos traxes para vestir aos figurantes de reis magos no festival do día 19. Ese día os nenos tamén saíron a pedir o aguinaldo polas aldeas máis próximas ás escolas de Dodro e Padrón.
O alcalde viu nesta solicitude unha oportunidade para, a súa vez, pedir á comunidade escolar colaboración coa cabalgata do Concello, de modo que tres pais, e se cadra algún ou algunha docente, se ofrezan como voluntarios para facer de Reis de Oriente. De non ser así, o rexedor non descarta ter que vestir el mesmo algún dos traxes reais, como xa fixo na cabalgata de hai uns vinte anos e ata de Papá Noel.
Xabier Castro non esconde a desilusión por esta falta de colaboración co Concello neste tema. Así, o rexedor lamenta que non «haxa afán por botar unha man», como si sucede noutros lugares pero, aínda así, non se dá por vencido e o 5 de xaneiro haberá reis magos en Dodro, aínda que haxa que volver a recorrer a mulleres, máis voluntarias e mesmo solidarias di.
De feito, a propia directora do CRA de Dodro-Padrón, Mila González, asegura que ela non tería problema en participar. En calquera caso, a directora xa trasladou ao grupo da Anpa do CRA a demanda de figurantes para Reis Magos.