Os presentadores do programa «Larpeiros» lerán o pregón da Festa do Melindre

melide / la voz

MELIDE

19 abr 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

A parella televisiva que forman Benigno Campos e Lola Gestido, presentadores de Larpeiros, un programa de cociña que emite a canle pública da comunidade, exercerá de pregoeira na Festa do Melindre e da Repostería Tradicional, que o vindeiro 10 de maio celebrará en Melide a súa vixésimo cuarta edición. Serán, por tanto, os encargados de abrir os actos programados con motivo da cita de exaltación gastronómica, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia hai dous anos.

A organización da Festa do Melindre, que recae no Concello melidense, reforzou a presente edición do encontro gastronómico dotándoo dun logo propio, creado pola deseñadora gráfica Caridad Rodríguez Pazo, e apostando por un cartel musical que ofrecerá os concertos gratuítos de Leirabuxo, Tanto Nos Ten, Malvela e Uxía.