Coleta

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

MELIDE

STRINGER

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Manolo, o xenial perruqueiro de Melide que foi responsábel durante anos das miñas ocorrencias capilares, atesouraba unha gran sabedoría sobre a relación entre o pelo e a existencia: «Hai dous grandes rapes na vida dunha muller: despois da primeira comuñón e despois da voda». Sempre estiven convencida de que, en canto acababa os tirabuzóns daquelas nenas e mentres colocaba pinzas de moño en noivas nerviosísimas, xa estaba ideando o corte punk que ofrecería un ou dous meses despois. «Por que pensas que os toureiros cortan a coleta?», dicía mentres me pegaba un par de rastas. Se fose hoxe alí, Manolo teorizaría sobre o desencanto das románticas noivas logo feitas sinxelas mulleres à-lo-garçon, e o divorcio da política acontecido na cabeza de Pablo Iglesias.

Nunca un político español soubo empregar tan ben un look que xa estaba demodé cando comezou a ostentalo sobre os vinte anos, facéndoo tan característico que nin sequera foi necesario convertelo en influencer. A melena recollida de Pablo Iglesias fixo parte do ADN dun cambio en España, sexa o que sexa o que iso signifique para tirios e troianos. Tanto foi así, que mesmo se apropiou do alcume despectivo empregado polos seus adversarios (Coletas) para lograr individualizarse nun panorama político onde todos os homes son basicamente iguais, unha especie de aburridos oficinistas que só se permiten audacias como engadir un botón ao corte habitual da americana. Pablo cortou a coleta, coma os toureiros, coma as noivas e coma as nenas de primeira comuñón, convertido xa noutra persoa que, nuns meses, quizais semanas, será só un vento que zoa. Un recendo. Memoria. Igual cá felicidade efémera da voda e as intencións de permanecermos inmaculadas do día da comuñón.