A procesión de ánimas aséntase na vila coa implicación e o aplauso veciñal
02 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Santa Compaña volveu vagar polas rúas de Melide na véspera do Día de Santos. Fíxoo pola arela que medio cento de veciños teñen por non deixar caer no esquecemento esa crenza que, ata mediados do século pasado, estivo presente no imaxinario colectivo. Pese a que só teñen transcorridos tres anos dende que o museo comarcal de etnografía impulsou a iniciativa, a recreación da procesión de ánimas aséntase na vila, ofrecendo resistencia a outras manifestacións culturais alleas á tradición propia destas datas.
O paso da Santa Compaña é unha cita agardada pola concorrencia melidense, que, expectante, se apiñou no entorno da fonte dos Catro Caños —no centro urbano— para presenciar a saída das ánimas da rúa San Xoán Ten a súa razón de ser. Alí houbo, en tempos pretéritos, un cemiterio. O público asistente á representación discorreu en procesión propia trala Rolda, que deixou ao seu paso actos nos que tamén entraron en escena «os vivos», cun papel —interpretado por veciños ataviados con roupaxes de época— decisivo para entender as crenzas e supersticións que deixou a figura imaxinaria da Santa Compaña. A representación do seu paso polas rúas de Melide deixou a satisfacción por un traballo que se fixo «co maior amor e entrega en comuñón», como expresaron dende o museo, e a admiración e agradecemento por e a quen o fixo posible.