Estilo, Tahona, Tarrío, Toques e Trisquel son as casas dos melindres, ricos e amendoados nunha vila, terra de panadeiros, que ten documentados dezaseis fornos dende o século XVI
10 may 2024 . Actualizado a las 23:41 h.De pais a fillos. De sogras a noras. De mulleres a homes. De veciñas a veciños. Duns a outros. Da devoción pola tradición. Foi así como se transmitiu, e chegou ata hoxe, en Melide a sabedoría no facer dos doces seculares dunha vila, terra de panadeiros, na que, dende o século XVII, están documentados dezaseis fornos nos que, ademais de cocerse o pan, se facían melindres, ricos e amendoados. Como ouro en pano conservan as receitas e con mimo de avoa coidan un artesanal proceso de elaboración as reposteiras e os reposteiros que fan os tres produtos nos que esta vila medieval, cruce de camiños xacobeos, ten unha das súas sinais de identidade.
Da vertixe que orixina esa condición nace, á súa vez, o xuízo co que os artesáns desenvolven o seu traballo. «É unha responsabilidade enorme recoller un saber facer ancestral que estivo conservado dunha maneira case involuntaria porque era a maneira de traballar», mantén Alberto Rodríguez, que lle tomou o relevo ao seu pai, Suso, no temón de Pastelería Estilo. Tamén o fixeron na Tahona Patricia e Alberto Sánchez, que representan a terceira xeración desta familia de panadeiros e reposteiros de Melide. É ela quen se encarga de elaborar melindres, ricos e amendoados, logo de aprender o oficio da man dunha boa mestra, a da súa sogra, Maruja Varela, tal e como lembra con orgullo Patricia, a quen enche de «felicidade» darlle continuidade e poñer en valor a tradición familiar. Román Varela, que desenvolve o oficio na Pastelería Trisquel, recorre a unha emotiva comparación para explicar o significado de contribuír a preservar un vello oficio co que, di, «honramos aos mestres que o mantiveron dende tempos pasados, e tamén a terra onde mantemos a tradición». É como facer, explica, «que un pai se sinta vivo a través dos seus fillos».
A memoria dunha reposteira —a de Julia Aguiar, en concreto— rescata Mónica Tarrío para lembrar que foi ela quen a ensinou a facer os melindres que hoxe despachan na panadería familiar. Leva por nome o apelido paterno desta outra reposteira que tamén ten palabras de recordo para outra mestra do oficio: Maruja de Sierra, de quen aprendeu a facer os ricos e os amendoados. En Mónica teñen José Luis e Nieves Vázquez o doce relevo garantido, como tamén o ten no seu fillo Ignacio o xerente da Panadería e Pastelería Toques, César Sánchez. Dende o seu obradoiro no concello co que bautizou o negocio tamén se fan os doces artesanais de Melide, que empezou a elaborar «porque a xente reclamaba o produto», conta. Poñerao á venda na festa de exaltación que sempre se celebra a segunda fin de semana de maio. Tamén os seus compañeiros de oficio das casas Estilo, Tahona, Trisquel e Tarrío participarán na mostra sectorial da Festa do Melindre, que chega á súa trixésimo segunda edición como unha cita consolidada no calendario gastronómico. A voz das reposteiras e dos reposteiros melidenses é unánime cando falan da repercusión económica dunha cita que ten na «excelencia» dos produtos que enxalza o seu principal valor. «É unha moi boa festa», conta Patricia Sánchez. Ningún dos seus compañeiros lle quita a razón, con sustento no aprecio da calidade que se impón na elección da materia prima, do artesanal proceso de elaboración, e da frescura de tres doces naturais que non teñen trampa nin cartón.