Pablo Meixe, o galego que fai rir a 150.000 persoas cada día

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

ORDES

Pablo, en el casco histórico de Santiago
Pablo, en el casco histórico de Santiago PACO RODRÍGUEZ

O humorista natural de Ordes regresa a Ourense, onde estudou Medioambientais, para actuar co seu monólogo no San Bieito de Cea

10 jul 2023 . Actualizado a las 19:51 h.

Case 150.000 persoas rin cada día coas bromas que Pablo Meixe (Ordes, 1993) sube a Instagram. Esa rede social converteuse durante a pandemia no gran escaparate que o achegou ao público maioritario. Pero el ten todo o mérito porque o seu traballo convence e funciona. Os seus vídeos, nos que bromea con cousas cotiás ou interpreta distintas personalidades tipo, acumulan miles e miles de me gusta e provocan en quen os ve unha empatía instantánea e unha desconexión absoluta con calquera problema do mundo real. Tanta creatividade e capacidade interpretativa levárono a ter o seu propio espectáculo, un monólogo co que se recorreu España. O martes, ás oito da tarde, estará en Cea, como parte da programación do San Bieito e asegura risas. «Vai ser un rato no que divertirnos falando das rutinas e das cousas que nos molestan no día a día. Está enfocado para todos os públicos», adianta. Non será a súa primeira vez na provincia de Ourense, pois Pablo estudou Ciencias Medioambientais no campus da cidade das Burgas e ademais de recordos, garda moitos amigos por esta zona. «Algúns deles estarán o martes en Cea e penso que o imos pasar xenial. A min encántame Ourense e ademais a miña primeira actuación foi na capital, nun pequeno local ao lado do campus», recorda. 

Pablo ten unha risa aguda, de esas contaxiosas, que utiliza cada pouco para maquillar a súa timidez. Fai uns meses deixou Ordes e mudouse a Madrid para tratar de abrirse camiño profesional. Xa alí encargouse de presentar o backstage dos Goya xunto a tamén cómica Inés Hernand. «A verdade é que estou cómodo alí tamén. Dáme pena por todo o que perdo ao estar lonxe, pero teño moitas máis oportunidades e estou contento», afirma. Volve cada pouco a casa e de feito Galicia, os galegos e a propia lingua son protagonistas en moitos dos seus traballos. «Aquí están as miñas raíces e encántame estar moi conectado con elas. Ademais de volver a visitar á miña xente, eu empecei a xogar grazas ás oportunidades que me deron en locais e en municipios pequenos para facer os meus monólogos e agora volvo sempre que me chaman por unha cuestión de agradecemento tamén», relata.

Admite que na súa familia están un pouco fartos das súas grazas. «Adoito facer bromas algo pesadas. No día dos Inocentes teñen medo da que podo liar, pero en xeral están contentos comigo», confesa, entre risas. Levan moitos anos aguantando ao rapaz, que se aficionou aos monólogos con 15 anos e escribiu un propio con 17. «Xa facía teatro e en canto me puxeron internet na casa o primeiro que fixen foi buscar a cómicos en YouTube e enganchoume», di. Entre os seus referentes hai centos de humoristas, pero destaca a David Perdomo, Raúl Cimas, Silvia Abril ou Luchonce. «Agora, coas redes, temos que conseguir facer rir en vídeos de doce segundos. Creo que o humor muta de forma pero sempre está aí», afirma. A finais de ano verá a luz o seu novo espectáculo, un número que reúne música, audiovisual, interpretación e moita comedia.

A actuación de Meixe forma parte da programación das festas de San Bieito. Unha cita que conta este ano co apoio de Estrella Galicia, co seu programa A Nosa Verbena, que contribúe á recuperación destas citas festivas en distintos rincóns de Galicia. A música das orquestas Galilea e Satélites, ademais da sesión vermú e os pasarrúas, son só algunhas das actividades previstas para revitalizar a festa. Estrella Galicia pon en marcha, por segundo ano consecutivo, esta iniciativa pensando nos pobos e aldeas que queren dar nova vida ás súas verbenas e celebralas de forma especial. Cea foi un dos seis lugares seleccionados entre todos os que se presentaron para ter o apoio da empresa galega.

«As verbenas son un exemplo desa identidade galega da que nos sentimos tan orgullosos. Supón un impacto positivo medible en términos económicos, pero tamén en cuestións intanxibles de cultura, de orgullo local, de arraigo e de coñecemento compartido. De aí a nosa consigna: o que importa é o que vives», explica Goretti Castro, manager de cultura, proximidade e gastronomía do grupo Hijos de Rivera.