![](https://img.lavdg.com/sc/ypWjK-BTZaTgHmaw2125YI590a8=/480x/2021/02/23/00121614103802977513871/Foto/SF24C6F2_1.jpg)
A Fundación e os concellos trasladaron gran parte das súas propostas ás redes
24 feb 2021 . Actualizado a las 04:55 h.As actividades para conmemorar o aniversario de Rosalía sucédense estes días, aínda que desta volta toman máis peso as telemáticas e a difusión da súa mensaxe polas redes por mor das restricións pola pandemia. Os xeitos de lembrar á autora son múltiples, desde murais ate recitados na rede ou o Caldo de gloria, sen esquecer tampouco os actos institucionais, como o que se celebrará ao carón da casa na que naceu o 24 de febreiro de 1837.
O habitual percorrido por Santiago organizado pola Fundación Rosalía en colaboración cos concellos de Santiago e Padrón limitarase este ano a un acto institucional sen público na praza de Vigo. Previamente haberá outro no Parlamento consistente na plantación dunha filla da figueira de Rosalía, e, para finalizar, xa en Padrón, ás 13.00 horas, unha ofrenda floral diante da súa estatua no Espolón. O resto de actividades impulsadas durante a xornada pola Fundación Rosalía serán virtuais. Así, animarán a elaborar nas casas o Caldo de gloria. Este ano, foi a recoñecida cociñeira Lucía Freitas a encargada de preparar este prato. Tamén a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza unha alborada en honor á poetisa a través das redes sociais. E, como non, a Fundación anima a ler textos da autora homenaxeada e difundilos de xeito virtual.
Ames continúa hoxe coa lembranza á Rosalía coa presentación dun mural do artista Yoseba Muruzábal no que vincula á escritora coa mocidade actual e co pensamento feminista. A obra ocupa dúas paredes da Casa de Barbazán nas que o artista recolle varias mulleres, todas co rostro de Rosalía. O acto será ás 18.00 horas e no seu transcurso estudantes do IES de Ames e do IES do Milladoiro lerán o manifesto rosaliano que nesta ocasión escribiu a vicepresidenta da AELG e veciña de Ames, Anna R. Figueirido. Este mural súmase á iniciativa «A luz de Rosalía», que inclúe versos da escritora situados nos farois das rúas máis transitadas de Bertamiráns e do Milladoiro.
Rois únese á iniciativa da Fundación Rosalía de lembrar a figura e obra da poeta nas redes sociais co cancelo #DíadeRosalía e entregará un agasallo ás persoas que empreguen tamén o de #RoisconRosalía. O prazo está aberto ata o día 28 e o obsequio poderase recoller con na biblioteca municipal. Por outra banda, tamén se inaugurarán placas de homenaxe á poetisa no lugar dos Fondós e no Xardín do Recordo do pazo de Faramello. Neste último, plantarase unha filla da figueira da Casa da Matanza.
Brión, pola súa banda, puxo en marcha durante toda a semana a iniciativa «Imaxes para mil versos». Deste xeito, as redes sociais do Concello e da Biblioteca Municipal divulgan diariamente imaxes e textos da poetisa. Ademais, convidan á veciñanza a compartir algunha imaxe da autora, texto ou vídeo breve e etiquetalo como #diaderosalia. Tamén Teo ten a súa proposta na rede, «Rosalía en 2 minutos», invitando a gravar con móbil unha peza de dous minutos. Hai agasallo sorpresa para os participantes.