Coinciden co 50 aniversario de apertura do inmoble de Padrón
08 jul 2021 . Actualizado a las 17:49 h.Calquera persoa en calquera parte do mundo xa pode facer unha visita virtual á Casa de Rosalía de Castro, a través da súa páxina web. A fundación de Padrón que leva o nome da escritora presentou este xoves a estrea da visita virtual, a primeira dunha casa-museo en Galicia e posiblemente a única en España que se pode facer en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés), segundo explicaron dende a empresa que a confeccionaron, Orestes Comunica.
De feito, segundo o falado hoxe, pola cantidade de información que se pode atopar na visita, é o proxecto máis ambicioso que se fixo en Galicia ata a data para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, e empregando ferramentas propias da realidade inmersiva. Para facela, a empresa empregou equipos baseados en tecnoloxía láser e de infravermellos, cos que se fixo a captura de imaxes.
A estrea das visitas virtuais coincide coa data do 50 aniversario da apertura da Casa-Museo de Rosalía, que se cumpre o vindeiro día 15 e que a fundación conmemorará este ano e o próximo, tendo en conta que a casa abriu en 1971 pero non foi ata o ano seguinte cando foi musealizada a partir do proxecto realizado por Xosé Figueira Valverde.
O presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira, falou de que hoxe a Casa de Rosalía pega un «salto cualitativo na súa historia» coa estrea das visitas virtuais en 3D, tanto ás dependencias interiores como á horta, con 40 puntos de información complementados con outros 25 con elementos multimedia, segundo explicou Darío Janeiro, de Orestes Comunica. O seu compañeiro Pancho Tristán sinalou que o software empregado para facer realidade a visita virtual non estaba en galego, pero se pasou a este idioma «grazas a Rosalía».
Ao acto de estrea das visitas virtuais e de presentación dos actos conmemorativos do 50 aniversario da casa asistiron, ademais, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira. Os tres coincidiron en felicitar a Anxo Angueira e ao resto do equipo directivo da fundación rosaliana polo seu traballo ao fronte da mesma, ao tempo que comprometeron o apoio das administracións que representan.
Nesta liña, Anxo Angueira anunciou o respaldo de Xunta e Deputación para reformar o edificio do auditorio rosaliano, de modo que agarda que poida estar listo para o vindeiro ano xa que, dixo, na actualidade non reúne as condicións para moitas actividades que promove a fundación. Entre elas, o programa do 50 aniversario da casa, incluido o acto institucional do 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía, e o festival Abride a Fiestra, que será o día 17. Un encontro en torno ao Camño de catro poetas galegas e doutras catro de linguas distintas do resto da península, xunto coa Inchadiña Branca Vela, completan o programa deste mes. En setembro, a fundación poñerá en marcha en Padrón unha exposición itinerante sobre o 50 aniversario, que percorrerá lugares abertos de Galicia.