Santiago López: «A importancia musical é relativa, vimos a disfrutar e convivir»

Irene Martín SANTIAGO

PADRÓN

Sandra Alonso

Discípulo do padre Feijoo e García Carril, o director da Coral de Padrón dirixiu a formación vocal de Cantigas

24 oct 2022 . Actualizado a las 19:19 h.

Leva toda a vida dirixindo coros. Santiago López Blanco, natural da parroquia compostelá de Grixoa, cantou na formación de maiores da Catedral no tempo de Nemesio García Carril e no Orfeón Terra A Nosa do padre Feijóo. «De Nemesio aprendín moito técnicamente, era un compositor moi formado que estudara en Roma. E de Feijóo collín a forma de sentir a música coral», indica López Blanco, que logo de estudar no Seminario Menor —onde adquiriu formación musical—, fixo Maxisterio —ubicado entón no pazo de San Xerome—. Da súa etapa no orfeón lembra as viaxes a Alemaña, Francia, Italia ou Inglaterra: «Foramos inaugurar o voo Santiago-Londres. Aquelas viaxes ao estranxeiro supoñían unha oportunidade incrible. A min abríaseme un mundo inalcanzable. Aínda hoxe conservamos un círculo de amizades, onde hai xente que agora vive noutros sitios».

Vai para trinta anos que Santiago dirixe a Coral Polifónica de Padrón, onde agora hai «curiosamente» máis homes que mulleres, circunstancia que o obriga a ir variando o repertorio. «Facemos música galega, relixiosa e tamén algunha habanera; aínda que a min non me gustan pola monotonía do ritmo… Cando vas a un torneo e levas hora e media escoitando habaneras é unha dor», confesa. A formación oscila entre 20 e 30 persoas, ensaian un par de días á semana na Sociedade Cultural Padronesa e, fóra de Galicia, actuaron en Portugal, Madrid e Asturias. «A importancia musical é relativa, vimos a disfrutar e convivir. Teño unha muller de 87 anos, Cruz, que nunca senta nos ensaios e ten un gran entusiasmo, que, cando falla, peta cos pés no chan. A xente quere facelo ben, respirar mellor, pero a compoñente musical está sometida á actividade social e recreativa. Así o vexo eu», explica o seu titular.

Da dirección do coro de Cantigas e Agarimos, responsabilidade que ocupou entre 1988 e 1997, lembra que cando o colleu estaba «desfeito», con apenas unha ducia de persoas. «Non foi doado, porque daquela a veteranía dicíache como había que cantar as pezas, pero puiden impoñerme grazas ao apoio bestial que tiven do padre Feijóo e Crisanto Sanmartín. Tamén aprendín moito de Mallou, un gaiteiro que era das Casas Novas. Afinaba perfectamente cinco gaitas sen diapasón, e sabía a melodía e as voces correspondentes de todo. O certo é que o coro pasou a máis de cincuenta persoas e cunha boa capacidade de cantar», indica López Blanco, que lamenta, por outra parte, non posuír os «coñecementos suficientes» para ter feito un espectáculo folk con voces, instrumentos e baile, tal como era o seu desexo.

A educación musical nos escolares é «fundamental» na súa opinión. «É mesmo unha terapia que os rapaces teñan unha formación básica, pero sobre todo que os nenos canten. O acceso natural á música é o canto», advirte Santiago López, que ten un fillo que é fagot solista na Orquesta Sinfónica de Bilbao.

O seu derradeiro destino como mestre foi o CEIP de As Fontiñas, centro que lembra con agrado. «Foi moi interesante o traballo social que se fixo a raíz da creación da coordinadora de barrio, na que participamos o colexio, o instituto, os servizos sociais do Concello, a parroquia, Cáritas e unha representación das policías local e autonómica. Era un barrio cun perfil moi diverso, tanto de tipo educativo como socioeconómico. Loitabamos contra o absentismo escolar e outras situacións delicadas», explica.

Pero Santiago López, tras uns primeiros meses nos colexios composteláns Santiago Apóstolo e Sar, lembra con admiración o seu primeiro destino en Baio, onde estivo catro anos e tivo de alumno ao coñecido físico Jorge Mira. «Na miña vida vin un pobo tan colaborador. Alí podías facer o que quixeras. Cando se xuntaban os coros de nenos e maiores, era fácil ver avós cantando con fillos e netos. En Baio era o pobo o que tiraba de ti», suliña este mestre que sempre se considerou «un neno de aldea».