Compostela recupera o festival da «superheroína» Rosalía os días 24 e 25

La Voz

PADRÓN

XOAN A. SOLER

Programa máis dunha decena de actividades

16 feb 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

A «superheroína» Rosalía retorna ás rúas compostelás os días 24 e 25 de febreiro coa quinta edición do festival dedicado á escritora despois de quedar interrompida a súa celebración pola pandemia do covid. E faino programando máis dunha decena de propostas, coa praza de Cervantes como centro neurálxico cunha feira protagonizado por produtos da «marca Rosalía». Ademais, haberá concertos, paseos literarios, un faladoiro e exposición de traballos.

A iniciativa, que está impulsada pola Deputación da Coruña a través da área de Normalización Lingüística, poñerá o colofón aos actos desenvolvidos o día 23 polo aniversario da autora de «Follas novas». As actividades comezarán o venres pola tarde ás 17.30 horas coa apertura da feira de produtos rosalianos. Nesa xornada, tamén se inclúe a actuación do grupo Larraitz Urruzola (18.00 horas) e un roteiro pola Compostela de Rosalía (desde 19.00 horas). O peche será cun concerto de Adhara & Rhitman (20.30 horas).

O sábado a feira xa comezará ás 12.00 horas. Despois, a programación prevé un recital musicado con Faia (12.30 e 13.30 horas, Colexio Maior Santo Agostiño), pasarrúas rosaliano (13.00 horas), un espectáculo infantil de Sole Felloza (16.30 horas, Cervantes); un faladoiro sobre o feminismo en Rosalía (17.30 horas, Cervantes); un espectáculo de poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural (18.30 horas, CSC Maruxa e Coralia), un recital poético (19.30 horas, Cervantes) e, como remate, un concerto de O Val das Mouras (21.00 horas, Principal).

Esta quinta edición do Festival Rosalía, que ten como lema «o galego é o noso supepoder», foi presentado onte en Santiago pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e a poeta Marina Oural. O Festival busca reivindicar a escritora como unha das figuras máis relevantes da nosa historia e, ademais, incidir na súa vixencia, xa que seguen alentando novas expresións culturais e artísticas.

A RAG pecha hoxe as xornadas do centenario de Murguía

17.00 horas • Fundación Rosalía (Padrón) • A Real Academia Galega pon o colofón ás xornadas do centenario do pasamento de Manuel Murguía cunha mesa redonda sobre literatura e nación na que participarán as investigadoras María Xesús Lama e Ana Acuña e do filólogo Xurxo Martínez. O peche será coa actuación do barítono Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro.