A amizade entre os gobernos reforza os lazos entre Rianxo e Padrón na Guadalupe

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

PADRÓN

MARCOS CREO

As actividades de cultura urbana encheron de ritmo o paseo da Ribeira

18 sep 2024 . Actualizado a las 09:29 h.

Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, e Anxo Rei, rexedor de Padrón, teñen moito en común máis alá de ser a máxima autoridade nos seus respectivos concellos. Os dous presumen da amizade que os une, que se trasladou aos demais integrantes de ámbolos dous gobernos municipais e que non fixo máis que reforzar os lazos que hai anos unen aos dous municipios.

Esa ligazón non se limita a que o programa das Festas da Guadalupe teña un día dedicado ao municipio padronés, nin ó vencello representado nas dúas figuras máis representativas da cultura galega, Castelo e Rosalía, senón que ten que ver tamén coa relación que sempre existiu entre a veciñanza de Rianxo e Padrón, co tráfico de embarcacións polo río Ulla como fío condutor. Así o puxo de relevo o rexedor rianxeiro, Julián Bustelo, que tamén subliñou a colaboración constante e diaria que existe entre ambos gobernos.

A recepción á corporación e demais autoridades e representantes das forzas vivas padronesas no marco das festas da Guadalupe é un acto institucional, pero relaxado, como quedou en evidencia na tarde de onte, na que se viviu un ambiente distendido.

Ofrendas na Ribeira

Trala benvida á comitiva convidada, emprendeuse camiño cara o paseo da Ribeira ao ritmo da Banda da Escola de Música de Rianxo e a de Padrón e o acompañamento dos xigantes de Castelao e Rosalía para a tradicional ofrenda que os alcaldes de Rianxo e Padrón fan cada ano ante as esculturas dedicadas aos dous expoñentes da cultura galega.

Con este sinxelo acto, e tralo intercambio de saúdas entre as dúas corporacións na casa consistorial, deuse por finalizada a parte institucional da xornada.

Porén, as actividades continuaron durante toda a tarde no entorno dos xardíns da Ribeira, sede das actividades de cultura urbana programadas no día de onte. Exhibicións e obradoiros de breakdance e beatbox deron paso pola tardiña ao rap da man de Ceibarimas e dos artistas Big Meu, O Jallejo, Xeva, Lidia L. Chao, Aprendiz, O Portughés, Flow del Norte, Mog e Rei Murtino.

Máis de 200 maiores no xantar popular

Aínda que durante toda a semana hai actividades para todos os públicos, o mércores da Guadalupe é o día dos maiores por excelencia. Máis de 200 están apuntados para participar no xantar que se celebrará na de Pachín despois da sesión vermú. Na Martela haberá Feira do Circo pola tarde, e da verbena encargaranse as orquestras Satélites e América de Vigo.