Loli e Camilo, unha xubilación merecida tras case 40 anos vendendo peixe en Padrón
PADRÓN
O matrimonio de Valga defende que se merque nas prazas
17 nov 2024 . Actualizado a las 05:05 h.«Se respectas o cliente e o produto, triunfas sempre. Así de fácil». Esta pode ser a receita de éxito que, durante 37 anos, usaron Loli Fuentes e Camilo Limeres no seu posto de venda de peixe na praza de abastos de Padrón, de onde se xubilaron hai preto dun ano. O matrimonio, de 66 e 67 anos, respectivamente, reside no lugar de Cedelo, no concello de Valga, e fala de que «foi media vida» a que botaron traballando en Padrón, onde comezaron por tradición familiar de Camilo. Seu pai e súas túas tías xa vendían na praza e el e Loli tomaron o relevo.
Ao falecer o pai de Camilo, este tivo que axudar á súa muller a despachar no posto, chamado Pescados Loli, ademais de ir a mercar o peixe ás lonxas de Ribeira, Rianxo ou Marín, e de recoller o que un compañeiro lle traía de Vigo. Cando comezaron en 1986, eran tres os postos que había na praza de abastos de Padrón e, cando se xubilaron, so estaba o seu, que agora pasou a unha profesional que foi empregada deles.
«Todo o que temos saíu da venda do peixe; non tivemos outro ingreso», conta Camilo quen engade, non obstante, que nos últimos tempos o negocio non daba para aforrar moito porque «o prezo do peixe triplicouse, para todos», precisa Loli. O seu posto vendía entre 80 e 100 quilogramos de media ao día. «Xa sabíamos que peixe lle gustaba a cada quen e ata o corte que querían», sinala Camilo.
El «estaba rabiando por xubilarse», conta Loli, que recoñece que a ela custoulle facelo. «Eu seguía traballando; se teño que volver mañá para praza, volvo sen problema porque se bota de menos a xente», asegura a veciña de Valga, quen fala de que algunha clienta lle dixo «alá me vai a miña confesora», ao saber que se xubilaba. «¿Sabes o que eu lle quero á xente que viña a comprar?», di Loli.
Como vendedores antes, e agora como clientes, ela e o seu home son firmes defensores de que «se coma peixe das nosas rías e costas, peixe do día que se vende nas prazas e que ten o xeo como único conservante», sinalan. Na súa casa, cómeno tres ou catro días á semana e, a maior parte das veces, mércano na praza de Padrón.
Dende a tranquilidade da xubilación, falan de que «a xente sempre nos respondeu ben», pese a que as condicións da praza non sempre foron as mellores e a pesar de que, di o matrimonio, «loitamos moito por ter melloras nas instalacións. Tiñamos a ilusión de que así fora antes de xubilarnos, pero non foi posible».
A parella amosa o seu agradecemento á clientela fiel que tivo e agora vai gozar da xubilación, entre Valga e o sur de España, onde residen os seus dous fillos e onde, como en Galicia, manteñen a costume de ir aos mercados a mirar os postos de peixe fresco do día e a mercalo.