As obras na zona de Fondo de Vila de Padrón descobren unha importante canalización soterrada
PADRÓN
A súa función principal foi de cloaca, pero tamén serviu como aliviadoiro das enchentas do río Sar
06 dic 2024 . Actualizado a las 23:49 h.O Concello de Padrón organizou na tarde-noite do venres unha conferencia no auditorio na que as arqueólogas Andrea Cabaleiro e Pilar Fernández, da empresa DOA, deron a coñecer os resultados das intervencións arqueolóxicas realizadas nas prazas do Cruceiro e na da Fondo de Vila, nos anos 2023 e 2024, respectivamente. O acto, que foi presentado polo alcalde Anxo Arca, quen tamén é arqueólogo, contou cunha intérprete de signos.
As obras realizadas polo Concello nos dous espazos descubriron, tal e como explicou pormenorizadamente Pilar Fernández, unha canalización soterrada da que moitos veciños aínda se lembran e da que mesmo lle falaran as arqueólogas no momento das obras, de xeito que comentaban que había un canal que bordeaba a vila polo lado este para acabar desembocando no río Sar, segundo falaron no acto.
A escavación arqueolóxica non so confirmou a existencia do canal do que falaban os veciños, senón que deu a coñecer moito máis do que as propias expertas agardaban, segundo confirmou a propia relatora da conferencia. Deste xeito, descubriu unha canalización soterrada que vai dende o inicio da Rúa Real e ten saída ao río Sar na praza de abastos, de arredor de 15 metros de longo ao seu paso pola que chamaron praza do cruceiro e 33 máis na de Fondo de Vila.
As arqueólogas documentaron todo o achado e así o presentaron na conferencia, na que se mostraron marabilladas polo atopado. Nesa canalización soterrada, que ten unhas medidas interiores de altura que van de 1,30 a 1,70 metros e un ancho de 1,40 a 1,70 metros, hai tres arcos de medio punto, que están en bo estado e mesmo unha zona, á altura do estanco, onde a estrutura de desdobra en dous canais cun muro central rematado a modo de pilastra. Cada un deses dous canais colle nunha dirección e as arqueólogas so puideron seguir unha parte do trazado dun deles, o que vai en dirección á Rúa Real, mentres o outro xa está tapado pola acumulación de recheo de pedra e outra materiais, segundo expuxeron as arqueólogas. Tamén atoparon como unha especie de porta aberta onde o canal xira cara a esquerda e continúa o seu trazado, aínda que tamén está tupido por todo tipo de restos, segundo comentaron.
Tras o descubrimento de todo, procedeuse ao tapado da canalización de forma axeitada para a súa protección, antes de proceder á obra de pavimentación do Concello. «Todo iso existe, está soterrado e protexido, no caso da praza do Cruceiro a 50 centímetros do pavimento e na de Fondo de Vila ata metro e medio por abaixo», sinalou Pilar Fernández antes de explicar os usos da canalización.
As arqueólogas non teñen dúbida de que a súa función principal foi a de servir como sistema tradicional de saneamento da vila, como o demostran as distintas bifurcacións que conserva para dar servizo a diferentes rúas, polo que teñen claro que era a «gran cloaca da vila». Non obstante, as expertas falaron dun segundo uso da estrutura soterrada, como aliviadoiro das enchentas do río Sar.
Para as arqueólogas non é tan fácil datar a construción do canal. Así, aseguraron que nin o traballo de campo nin toda a documentación que manexaron lles permitiu facelo aínda que, en base a dous planos dos anos 1799 e 1938, pódese ver que na primeira data a canalización xa existía, pero non estaba cuberta e na segunda si o estaba. «Está claro que en 1799 xa existía a canalización, pero canto antes estaba non o podemos saber», concluíu a arqueóloga.
Ao rematar a presentación dos datos arqueolóxicos, un dos veciños preguntou por que nada do descuberto quedou á vista ou se non houbera a posibilidade mesmo de facelo visitable, pero tanto as arqueólogas como o alcalde sinalaron que ese non era o obxectivo da escavación. Pilar Fernández incluso falou de que existen as chamadas ventás arqueolóxicas, para que se vexan os restos, pero precisou que, por experiencia, non dan bos resultados porque se empañan e, neste caso, so permitiría ver a tapa do canal e non a estrutura en si.
O alcalde apuntou a posibilidade de instalar na zona un panel explicativo con toda a información sobre a canalización soterrada, para que os veciños e os de fóra coñezan esta parte da vila que non se ve. Anxo Arca tamén falou de seguir divulgando os resultados en redes sociais e a arqueóloga incluso lle propuxo facelo a través da páxina web do Concello.