
O Concello organizou un acto para dar a coñecer o resultado das intervencións arqueolóxicos no xacemento
14 dic 2024 . Actualizado a las 11:33 h.O Concello de Padrón organizou na tarde noite do venres un acto para dar a coñecer as escavacións arqueolóxicas realizadas no monte Castro Valente entre 2020 e este ano, da man de dous investigadores do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mario Fernández-Pereiro, do grupo Síncrasis, e José Carlos Sánchez Pardo, de AEVUM. Os traballos contaron coa colaboración do Concello de Padrón e a USC, ademais do apoio da empresa Tempos Arqueólogos.
O alcalde padronés, Anxo Arca, presentou o acto no auditorio municipal e sinalou o interese do Concello «por fomentar o coñecemento do noso pasado», polo que falou do seu compromiso coa investigación e anunciou que seguirán financiando escavacións para saber máis do patrimonio arqueolóxico do municipio que, segundo dixo, «hai que defender porque forma parte da nosa identidade como padroneses e como galegos».
O primeiro dos arqueólogos en intervir na conferencia, José Carlos Sánchez Pardo, sinalou que o monte Castro Valente, situado entre Padrón e A Estrada, non é un lugar calquera e asegurou que coñecer este xacemento axudará a saber máis das orixes de Padrón e de Iria-Flavia. «Ten moitas incógnitas, pero é espectacular e non ten paragón no norte da Península», dixo, ao tempo que sinalou que non é único no seu contexto e mecionou outros xacementos medievais ou restos deles próximos, como o do Bordel, Carcacía, ámbolos dous en Padrón, ademais doutros en Valga, todos da mesma época: a alta Idade Media.
Pola súa banda, Mario Fernández-Pereiro falou das características do xacemento, como as súas boas vistas nun radio de cinco quilómetros, a forma de ril do recinto, a súa boa conservación arquitectónica ou cal é o seu principal problema na actualidade: a infesta de acacias. O arqueólogo, que centrou a súa tese de doutoramento neste xacemento entre os anos 2015-2018, polo que leva case unha década de investigación sobre o mesmo tras a última escavación arqueolóxica deste ano, lamentou non atopar ningún material cerámico para concretar máis a data de ocupación do xacemento, pese a que conserva tramos de muralla, de tres metros de alto, e se poden identificar plenamente seis das máis de 30 torres que chegou a ter, segundo dixo en base a documentación escrita. «Temos dúbidas de cando se ocupou o espazo», asegurou Fernández-Pereiro. Así, contou que o único material atopado nas escavacións foron tégulas, que se usaban na cubrición polo que, en base ao atopado, cren que dentro do recinto do xacemento, que ocupa once hectáreas, existiu máis dun edificio tapado con esas pezas.
Non obstante, as sondaxes da última escavación foron todas negativas á hora de datar a ocupación do xacemento, pero o arqueólogo non descarta atopar no futuro restos dun edificio que lles permita concretar datas de como xurdiu a Serca, que é o nome co que os veciños e titulares do terreo lle chamaron sempre ao monte de Castro Valente.
Para rematar a intervención, Mario Fernández-Pereiro lanzou dúas interrogantes sobre o xacemento: cando e por que. Para a primeira, dixo que, despois de case dez anos traballando, «honestamente non temos nin idea máis alá dun abano moi amplo entre os séculos V e X. Resístese datar o xacemento, pero algún día chegará», sinalou confiado.
O por que é máis fácil de responder, sinalou o arqueólogo, en alusión a que foi construído por unha «necesidade de control da poboación e da paisaxe», precisou Fernández-Pereiro. Así, o doutor en Arqueoloxía pola USC concluíu que Castro Valente «é unha expresión clara dun poder local e da potencia económica dese poder», ademais dunha ferramenta de artellamento da paisaxe e das comunidades. Mario Fernández-Pereiro asegurou que a potencialidade investigadora do xacemento «é infinita» e espera poder facer unha nova escavación no ano 2025. Para iso volverá a contar co apoio do Concello de Padrón, segundo anunciou xa o alcalde, quen rematou o acto falando de «seguir dando pasos para afondar no coñecemento do municipio».