A Banda da Loba retorna este sábado ao escenario en Santiago con novo disco e artistas convidados
PADRÓN
O concerto será na Sala Capitol e acompañarán ao quinteto De Vacas, Tomé Mouriño e varios músicos
29 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Día 1 • 21.30 horas • Sala Capitol • Desde 12 euros en venda anticipada e 15 euros na billeteira • A Banda da Loba está de regreso despois dun ano lonxe do escenario. E nesta volta faino co seu quinto disco baixo o brazo, «Lovismo», e coa participación dalgúns dos artistas que colaboran no traballo, como é o caso de De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures), e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco. As entradas pódense adquirir na web salacapitol.com.
Deste xeito, será a primeira ocasión para escoitar os once temas que conforman o álbum que crearon despois deste ano lonxe dos escenarios. Estas cancións teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples expresións, como é o caso do desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade...
Na actualidade, A Banda da Loba está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz), e Iria de Cabo (guitarra), que chega a formación substituíndo a Inés Mirás. A formación dera os seus primeiros pasos no 2017 con «Bailando as rúas» facéndose un oco na escena musical galega. Dous dos seus traballos foron finalistas nos Premios MIN e no 2021 acadaron o Martín Códax na categoría de pop e indie.